publicidade hoxe

Medio Ambiente colabora con As Nogais na implantación da recollida selectiva de residuos domésticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Nogais
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración co Concello de As Nogais, inicia hoxe unha campaña para a implantación da recollida selectiva de residuos domésticos neste municipio.

Esta implantación supón un novo modelo de xestión de residuos para o que será necesario a implicación dos veciños á hora de proceder á separación en orixe dos residuos xerados nos seus fogares e o depósito de cada fracción nos seu contedor axeitado.

Tamén se colocarán nas rúas novos contedores de cor amarela, para facilitar o deposito unicamente de latas, briks e envases de plástico (bolsa amarela), e contedores azuis exclusivos para os envases de cartón e papel. O Concello das Nogais xa conta con iglús para o depósito dos envases de vidro. O resto de residuos que non sexan envases, como roupa vella, materia orgánica en caso de non poder realizar compostaxe, etc… deberán ser depositados no contedor verde tradicional de fracción resto.

De xeito simultáneo á colocación dos novos contedores, levarase a cabo unha campaña informativa porta a porta nas zonas nas que se instalarán os novos contedores, para explicarlle aos veciños a correcta separación no fogar e posterior depósito nos contedores. Esta campaña desenvolverase visitando todos os fogares do termo municipal.

Cómpre lembrar que o Concello das Nogais está adherido ao Convenio Marco asinado entre a Xunta de Galicia e Ecoembes desde o 21 de marzo de 2011.

7 de marzo de 2017 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.