publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Marnotes sinala na Estrada que os obradoiros de emprego primarán os proxectos vinculados ao tecido empresarial local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participaron hoxe na Estrada na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego A Casa da Música 2016, un acto no que puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.

Neste caso, os alumnos e alumnas terán a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego nas especialidades de albanelería e carpintería. Recibiron, ademais, formación complementaria en sensibilización na igualdade de oportunidades e ambiental, informática, técnicas para atopar un emprego e en prevención de riscos laborais.

Os 20 alumnos que se formaron e traballaron neste obradoiro levaron a cabo diferentes traballos para optimizar os usos do conservatorio municipal da música.

Marnotes informou de que ata o 3 de abril está aberta a convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos.

O director xeral explicou que este ano se inclúen diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción.

Ademais, ampliarase a duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas.

A aposta polo rural

Marnotes expuxo as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural. Neste senso, lembrou que para o Goberno galego é unha prioridade o rural e, por iso, lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar con 30 millóns de euros un programa específico de formación e emprendemento no rural co que se prevé beneficiar a 13.000 persoas.

Esta iniciativa inclúe 10 medidas entre as que destacan a posta en marcha de obradoiros que centrarán a súa actividade no rural co deseño de 70 programas mixtos con contidos específicos para cada zona. Outras medidas innovadoras do plan son a Formación á porta que levará ata os concellos sen centros homologados os certificados de profesionalidade.

Marnotes, por último, destacou que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.

Agradeceu, deste xeito, a colaboración e coordinación dos concellos cos obradoiros de emprego para contribuír a mellorar o emprego nas comarcas de Galicia.

23 de marzo de 2017 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.