publicidade hoxe

As industrias cárnicas prevén realizar un investimento de 19 millóns de euros no agro galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á empresa Casa Castelao

Ángeles Vázquez na visita á empresa Casa Castelao

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a empresa Casa Castelao, no concello lugués da Fonsagrada, onde destacou que a industria cárnica ten previsto un investimento de preto de 19 millóns de euros no agro galego, apoiada polas axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios da consellería.

Ángeles Vázquez lembrou que o pasado mes de febreiro pechouse o prazo de solicitudes para esta liña de axudas, das cales se recibiron un total de 185. Destas, 26 foron do sector da carne e representan o 14,71% do investimento total inducido que se prevé que realicen as industrias agroalimentarias en Galicia, o cal ascende a 128 millóns de euros. Unhas cifras, engadiu, que demostran o interese que o noso territorio esperta entre as empresas da alimentación e que ven na transformación dos produtos unha aposta clara de futuro.

Durante o transcurso da súa visita, a conselleira subliñou que as empresas que se ven beneficiadas por estas achegas teñen tres anos para desenvolver as súas actuacións, posto que son investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das súas instalacións -que deben estar situadas en Galicia- e para as cales se precisa un tempo prudente.

Neste senso, a titular de Medio Rural explicou que na pasada convocatoria, foron aprobados 59 proxectos, dos cales 10 eran do sector da carne cuxo investimento realizado foi de 13 millóns de euros, é dicir, un 19,25% sobre o investimento total aprobado.

Casa Castelao

Casa Castelao é unha empresa de carácter familiar situada no concello lugués da Fonsagrada. Fundouse no ano 1999 coa intención de presentar no mercado produtos da máis alta calidade, conxugando tradición e novas tecnoloxías. Ofrece gran diversidade de produtos, destacando os gourmet de porco celta así como especialidades rexionais.

Esta empresa foi beneficiaria das axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios en varias ocasións, sendo o montante total percibido de máis de 500.000 euros, que serviron para realizar melloras tecnolóxicas, compra de maquinaria e ampliación das instalacións, entre outras actuacións.

7 de marzo de 2017 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.