publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Adxudicadas as obras da senda peonil entre a Laracha e Paiosaco por un investimento de case 550.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Laracha
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar as obras da senda peonil entre A Laracha e Paiosaco, concretamente entre os Pq. 18+500 e 20+140 da estrada A Coruña- Cee (AC-552), cun investimento de case 550.000 euros.

Esta actuación, adxudicada á empresa Lancer Proyectos y Obras S.A, terá un prazo de execución duns seis meses aproximadamente.

Trátase dun itinerario peonil e ciclista, de máis de 1,5 quilómetros de lonxitude, proxectado pola marxe esquerda da estrada AC-552, que dará continuidade ás beirarrúas xa existentes entre os núcleos de Paiosaco e A Laracha, comunicando as zonas dos principais equipamentos.

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Bergantiños, onde para o Concello da Laracha se contemplan dous itinerarios para que os veciños realicen os seus desprazamentos cotiáns de forma cómoda e segura. Son dúas sendas que se van construír na marxe da estrada AC-552, a que vai da Coruña a Cee: unha delas entre A Laracha e Paiosaco e a outra entre A Laracha e O Cancelo.

O Goberno galego, a través destes proxectos, que será cofinanciados ao 80% polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, traballa na busca de beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, significando menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio natural, garantindo menos contaminación acústica e mellora da calidade do aire, ao reducir a emisión de gas.

29 de marzo de 2017 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.