publicidade hoxe

A Xunta convocará o 24 de marzo aos titulares de terreos afectados pola execución dunha senda entre Neaño e Cabana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación, con trámite de urxencia, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada AC-429, no treito Neaño-Cabana, punto quilométrico 2+176-3+740, no concello de Cabana de Bergantiños.

A Xunta convoca os titulares de bens e dereitos afectados para o vindeiro día 24 de marzo, entre as 10 e as 13 horas, na Casa do Concello, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación. No seguinte enlace ao DOG pódese consultar máis información desta resolución: goo.gl/Tg8f7e

Este itinerario peonil e ciclista está enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Bergantiños, na que a Xunta investirá máis de 4 millóns de euros na construción de 7 sendas seguras e sustentables.

Coa construción desta senda haberá un camiño peonil continuo nesta estrada, de 6,8 quilómetros, dado que o vial xa conta con sendas desde seu inicio en Ponteceso ata Neaño (2,17 km) e dende A Cabana ata Taboido (3,09 km).

A senda, que terá unha lonxitude de 1.564 metros, desenvolverase no Concello de Cabana de Bergantiños. Executarase en formigón, pola marxe esquerda da estrada desde o punto quilométrico 2+176 (intersección coa DP-1406 a Cesullas situada no núcleo de Neaño) ata o 3+565, lugar no que existe un paso inferior que se utilizará para cruzar a estrada; desde ese punto, pola falta de espazo na marxe esquerda, a senda continua pola marxe dereita da estrada ata o pk 3+740 (entrada en A Carballa), aproveitando o camiño existente ao pe do noiro.

A sección tipo terá, salvo en puntos localizados nos que as edificacións existentes non o permitan, un ancho mínimo de 2,0 m e contará nos tramos nos que é posible cunha banda vexetal de separación da calzada de 0,5 m. Para acadar esta sección e dotar ao treito dunha solución homoxénea, será demolida a senda existente nalgúns subtramos, de ancho reducido. En dous tramos, a senda executarase sobre o antigo trazado da AC-429 para minimizar as afeccións.

1 de marzo de 2017 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.