publicidade hoxe

Román Rodríguez participa en Braga co ministro de Educación portugués na mesa redonda ‘Convergências Portugal-Galiza’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Román Rodríguez na mesa redonda da 3ª Semana Cultural ‘Convergências Portugal-Galiza’

Román Rodríguez na mesa redonda da 3ª Semana Cultural ‘Convergências Portugal-Galiza’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e mais o ministro de Educación de Portugal, o doutor Tiago Brandão Rodrigues, participaron onte á tarde no salón nobre da Universidade do Minho na mesa redonda da 3ª Semana Cultural ‘Convergências Portugal-Galiza’. O evento, que se celebra na cidade portuguesa de Braga do 19 ao 25 de febreiro, réndelle tributo a través de diferentes propostas culturais e musicais a dúas figuras senlleiras da cultura a ambos os lados do Miño: no caso de Galicia á figura de Rosalía de Castro –coincidindo coa semana do Día de Rosalía, o 24 de febreiro, de cuxo pasamento se fan 180 anos–, e dun músico portugués no caso de Portugal, nesta ocasión, o cantautor Zeca Afonso, de cuxa morte se fan 30 anos en 2017.

A intervención do conselleiro de Cultura e Educación xirou ao redor da Lei Paz Andrade e o seu desenvolvemento e posta en práctica. Falou dos avances no proceso de achegamento de Galicia e Portugal, a través da recente incorporación de Galicia á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, a versión traducida ao portugués do Diario Oficial de Galicia, a introdución do ensino do portugués na formación do persoal ao servizo da Administración Pública Galega ou a colaboración dos medios de comunicación públicos galegos e portugueses, entre outros temas.

Memorando de entendemento

Así mesmo, Román Rodríguez subliñou na mesa redonda a importancia do memorando de entendemento ao abeiro do cal a administración educativa galega, en colaboración co Instituto Camões, incorporou o portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no ensino non universitario; e convidou “a sentir como propia” a conmemoración do 24 de febreiro, Día de Rosalía, que este ano celebra o 180 aniversario do seu nacemento. O conselleiro concluíu a súa intervención afirmando que, no caso de Portugal e Galicia, “o noso destino é atoparnos”.

Na mesa redonda tamén tomaron a palabra, ademais do conselleiro e o ministro de Educación portugués, o presidente do Instituto de Letras e Ciências Humanas da Universidade do Minho, João Cardoso Rosas; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e os artistas Uxía e Artur Caldeira. No acto estivo tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Apoio da Xunta a Convergências

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia a celebración desta 3ª semana cultural ‘Convergências Portugal-Galiza’ que se celebra na cidade portuguesa de Braga do 19 ao 25 de febreiro. En concreto, a Xunta colabora desde hai tres anos nesta actividade que se organiza en Braga, a través do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho (CEG do Minho), a iniciativa do grupo musical portugués Canto D’Aqui, co apoio da Câmara Municipal de Braga. Este apoio encádrase nas accións para o desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, tamén coñecida como Lei Paz-Andrade.

A semana inclúe mesas redondas, presentacións de libros e actuacións musicais a cargo de músicos e representantes do mundo da cultura tanto de Portugal como de Galicia. En representación de Galicia acudirán en diferentes xornadas Uxía (21 e 23 de febreiro), o dúo Clave de Fado (22 de febreiro) e o grupo folk As Donicelas (24 de febreiro), así como o escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira (21 de febreiro).

22 de febreiro de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.