publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O obradoiro de emprego do Pino e Touro abre expectativas laborais a 20 persoas nas especialidades de xardíns e zonas verdes e repoboacións forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO PinoTouro
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita ao obradoiro

Ovidio Rodeiro na visita ao obradoiro

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá aos participantes no obradoiro de emprego Tambre-Ulla 1, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos do Pino e Touro. No acto Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes Manuel Taboada Vigo e Ignacio Codesido Barreiro. O obradoiro conxunto conta con 20 alumnos-traballadores e seis profesionais que desenvolven a súa actividade como monitores, director e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de seis meses, o acondicionamento de diversas zonas dos dous municipios. Con este fin a Xunta achegou máis de 179.000 euros.

O proxecto formativo leva a cabo traballos forestais nas carballeiras da Magdalena, de Vimieiro, de Vilar de San Mamede, de Suso de San Breixo de Ferreiros e de Vimieiro, traballos de xardinería na praia fluvial do río Tambre, na área recreativa de San Sadurniño e de Ponte da Pedra, e traballos de limpeza e acondicionamento no miradoiro da fervenza do Río Pucheiros, nos xardíns do núcleo de Fonte Díaz e na contorna da piscina municipal.

Os alumnos-traballadores tamén están levar a cabo o subministro e colocación de mobiliario na área recreativa de Ponte da Pedra, e no acondicionamento da ruta PRG 121 Ruta dos tres ríos, nas parroquias e Touro, Novefontes, Fao e Comado. O obradoiro forma aos alumnos-traballadores nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Ao remate do obradoiro tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos beneficiarios seranlles acreditadas cun certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial.

O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de máis de 5.328.000 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, e coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. O delegado territorial mostrou a súa satisfacción por poder visitar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral. Non podemos esquecer ademais”, engadiu Rodeiro, “que en total son 26 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación ao director, ao persoal docente e á administrativa.

1 de febreiro de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.