publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O IES Chan do Monte de Marín retomará a actividade lectiva na xornada de martes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarín
A-
A+
Cores Tourís na visita ao IES Chan do Monte de Marín

Cores Tourís na visita ao IES Chan do Monte de Marín

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá dous dos centros educativos máis afectados polo temporal do pasado fin de semana na provincia, o IES Chan do Monte, que é o único onde hoxe non se puido impartir clase, e o CPI da Cañiza, que tivo que reubicar aos alumnos de Infantil no edificio principal do colexio.

Cores Tourís visitou o instituto Chan do Monte en compaña da alcaldesa da localidade, María Ramallo, do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, así como de responsables do centro educativo, da Unidade Técnica da Xefatura Territorial e da empresa que está a acometer os traballos de reparación deste centro, un dos máis danados en Galicia polo temporal e o único da provincia de Pontevedra que hoxe non puido retomar a activade lectiva normal.

A cuberta do edificio anexo deste centro viuse moi afectada polo temporal do pasado venres, ao cal tívose que sumar a cantidade de auga caída durante a fin de semana, que danou tres aulas, inutilizándoas. Durante o día de hoxe estanse a levar a cabo labores de limpeza de cara a poder recuperar mañá a normalidade “dentro dunha provisionalidade, xa que teremos que reubicar tres aulas noutros espazos, que son as máis danadas. Agardamos que a empresa traballe toda esta semana de cara a instalar unha cuberta nova e que o próximo luns podamos volver a máxima normalidade”, explicaron os responsables do centro.

As obras de reparación deste centro foron valoradas pola Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación en preto de 90.000 euros.

“Hai que agradecer á colaboración dos concellos, como o de Marín, para atallar os diferentes problemas que foron xurdindo estes días. Tamén hai que destacar a implicación da Unidade Técnica de Educación que estiveron todos este tempo avaliando danos e traballando para que hoxe puideran volver á normalidade practicamente tódolos centros menos este de Chan do Monte onde os danos foron moi importantes, xa que voaron 300 metros de cuberta”, engadiu pola súa banda José Manuel Cores Tourís.
En total, o temporal vivido nos últimos días causou danos en 22 centros da provincia de Pontevedra, o que suporá un investimento de case 180.000 euros entre a reforma de cubertas e a reparación de diferentes danos.

CPI da Cañiza

Neste centro, os fortes refachos de vento causaron danos na cuberta do edificio onde se imparten as clases da etapa de Infantil, con nenos de entre 3 e 6 anos que foron reubicados noutras aulas do edificio principal. O colexio tamén se viu afectado por outros danos como filtracións, rotura de ata 16 persianas, e canlóns rotos ou voados.

Na visita do delegado territorial a este centro da Cañiza estivo tamén presente o alcalde da localidade, Miguel Adolfo Domínguez, quen destacou que a forza do vento foi nestes pasados días tan forte que chegou a tirar unha árbore de grandes dimensións sobre o parque infantil danando varios dos xogos instalados nesta área.

A Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación xa está a avaliar nestes intres os danos de cara a que poida ser reparada o máis rápido posible de cara a garantir a seguridade e a volta dos alumnos a esta unidade.

Na Cañiza, José Manuel Cores Tourís tamén comprobou a volta a normalidade da Oficina de Emprego que resultou acordoada e desaloxada o pasado venres tras voar o teito do edificio no que se atopa instalada.

6 de febreiro de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.