publicidade hoxe

A Xunta continúa o curso de formación en prevención e loita contra a violencia de xénero en Lugo dirixido ás redes de información xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentaron esta mañá en Lugo o curso “Formación en prevención e loita da Violencia de Xénero. Coñecer para actuar”, dirixido ao persoal técnico dos Espazos Xoves de Galicia que conforman a Rede de información xuvenil.

O curso -que xa tivo lugar en Santiago, Ourense, e Tui- ten como obxectivos xerais coñecer e entender a orixe da violencia de xénero; así como incorporar boas prácticas profesionais para a prevención, a detección e a información ante posibles casos de violencia de xénero.

Para acadar estes obxectivos, no curso impartiranse contidos como o concepto e tipificación da violencia de xénero; falsas crenzas, mitos e estereotipos; as consecuencias para as mulleres e os fillos e fillas; a trata de mulleres e nenas con fins de explotación; e os recursos e programas de atención a vítimas de violencia de xénero.

Susana López Abella indicou que actuacións como estas son estratéxicas para avanzar cara a un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais. Ademais, destacou o traballo das Rede de Información Xuvenil, onde se ofrece información de primeira man aos mozos e mozas.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, indicou que estes cursos van dirixidos ao persoal dos Espazos Xove, aos técnicos/as e informadores/as xuvenís, así como aos profesionais interesados nesta temática. “Con este tipo de iniciativas buscamos que os participantes nelas poidan realizar actuacións entre a mocidade na súa zona de influencia para lograr conciencialos sobre a igualdade de xénero e evitar a lacra da violencia de xénero”, explicou a titular de Xuventude. “Como administración pública, temos a obriga de ofrecer os medios e programas necesarios que axuden a formar unha sociedade máis xusta e igualitaria”, concluíu a directora xeral.

8 de febreiro de 2017 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.