publicidade hoxe

Os participantes nos obradoiros municipais para maiores protagonizan un calendario en beneficio de Afasal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Un total de 21 homes e mulleres participantes nos obradoiros municipais “Activa o Teu Corpo, Activa a túa Mente” protagonizan un calendario de mesa editado pola Concellería de Persoas Maiores. A iniciativa ten dous obxectivos: por un lado amosar o papel activo que xogan as persoas maiores na vida social de Vilagarcía e deixar constancia da súa importancia e por outro, colaborar cunha organización social, neste caso Afasal.

A concelleira de Persoas Maiores, Tania García Sanmartín, fixo entrega hoxe dos calendarios que na súa parte gráfica se ilustran con imaxes de posados dos asistentes aos obradoiros de prevención da dependencia que organiza cada ano o departamento municipal. Son imaxes da vida cotiá ou posados máis artísticos nos que os maiores amosan a súa vitalidade, ilusión e gañas de participar en todos os eidos da vida social. Todas as fotografías foron tomadas en exteriores de Vilagarcía como o Parque do Castriño, a paria e o parque da Compostela.

A idea de realizar este calendario fotográfico xurde de Pilar Estévez, técnico en xeriatría que ten traballado cos usuarios dos obradoiros Activa. As fotografías foron tomadas por Yago Estévez e o Concello encargouse do deseño a través da Área de Comunicación Social e do financiamento a través da Concellería das Persoas Maiores.

Ademais de acoller con moita ilusión a idea, os usuarios dos obradoiros tamén consideraron apropiada a súa colaboración cunha entidade social, apostando pola Asociación de Familiares e Enfermos de Alzeimer, Afasal.

Os 260 exemplares dos calendarios de mesa foron entregados esta mañá a Afasal e será a propia entidade as que os comercialice coa idea de recadar fondos para financiar os programas e actividades que desempeña ao longo do ano.

3 de xaneiro de 2017 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.