publicidade hoxe

O goberno vilagarcián reunirase con cada grupo por separado antes da reunión conxunta sobre o presuposto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno convocará para a vindeira semana ao distintos grupos municipais a fin de continuar coa negociación dos presupostos do Concello para 2017. As esta primeira rolda de encontros individuais con cada grupo seguiralle unha reunión conxunta de todos os portavoces. Neste sentido, o goberno socialista confía en que cada partido actúe con responsabilidade: ata agora os únicos que presentaron as súas propostas por escrito foron o BNG e EU. Tanto o PP como Somos Maioría obviaron tal posibilidade, agás a necesidade xenérica formulada por Somos de que se convoque ao Consello Económico e Social, algo que, como se deixou en evidencia no último pleno, non tería lóxica ao estar a maioría da Corporación en contra da composición acordada de forma unilateral polo PP durante o anterior mandato.

Así as cousas, ata agora o único que amosou verdadeiro interese por negociar o presuposto foi o BNG. Tras manter diversas conversas co grupo de goberno -no transcurso das cales pediu aclaracións sobre as previsións das partidas orzamentarias relacionadas coas súas propostas-, o partido que lidera Xabier Ríos formulou as alegacións que están sendo estudadas dende o punto de vista técnico e político. Pola súa banda, EU presentou unha serie de propostas, unhas xenéricas –sen valoración económica- e outras máis concretas, que serán tratadas na reunión da semana que ven.

Como queda dito, PP e Somos nin presentaron propostas nin pediron aclaración algunha e tampouco parece moi razoable que as aclaracións que pide un grupo –o BNG, neste caso- se lle remitan tamén aos demais grupos, posto que se trata do seu traballo e da súa estratexia negociadora. Neste sentido, o goberno volve a aclarar, unha vez máis, que ningún grupo da Corporación ten un borrador do orzamento: este será elaborado tan pronto como se teñan finalizadas as negociacións cos distintos grupos, aínda recoñecendo que non é doado negociar algo con quen non se sabe que é o que quere lograr desa negociación máis alá do desexo, compartido, da transparencia.

E a este respecto, e diante da última solicitude do Partido Popular, o goberno insiste en que, primeiro, todos os grupos coñecen a información presupostaria dispoñible ata ese momento; información que pode ser ampliada sobre asuntos concretos se así se solicita e é posible; e segundo, que dificilmente se lle pode entregar agora ao PP –como pide- a información presupostaria “que vaia ter nas vindeiras datas”. “Despois de fallar con adiviño no caso do Porto agora pretende que sexamos nós os videntes”, lamenta o goberno local.

17 de xaneiro de 2017 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.