publicidade hoxe

O Centro Cultural Lustres Rivas exhibe un total de 24 obras de Fernando Yáñez coa colaboración do seu fillo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Fernando Yáñez na inauguración da exposición

Fernando Yáñez na inauguración da exposición

Numerosos veciños acudiron o pasado venres ao Centro Cultural Lustres Rivas para asistir ao acto inaugural dunha nova exposición: “Kaizen”, obra de Fernando Yáñez coa colaboración do seu pequeno fillo Hugo, de só 3 anos de idade.

Os alí presentes tiveron primeiro a oportunidade de contemplar na sala multiusos un breve vídeo no que se resumiu o proceso creativo e moi en especial a aportación de Hugo, para a continuación ir á sala de exposicións e contemplar a mostra.

Esta está formada por un total de 24 obras de diferentes formatos e técnica mixta realizadas durante os anos 2015 e 2016.

Doazón

O autor manifestou durante a súa intervención de apertura a súa intención de doar dúas pezas ao Concello (tituladas “Aka 3.0” e “Aka 4.0”) en tanto que o alcalde subliñou o labor que para a cultura de Riveira está desenvolvendo Yáñez co seu traballo tanto no centro educativo no que imparte clases como fóra del.

Fernando Yáñez (Lugo, 1978) é licenciado en Belas Artes pola facultade de Pontevedra é actualmente exerce de profesor de artes plásticas no colexio riveirense Galaxia. Ao longo da súa traxectoria ten participado en moitas exposicións tanto individuais (“El Apóstol Ribera” en Monforte, “3236” en Riveira, “Lares” en Vigo, “Telares” en Madrid, Lugo, Noia e Santiago de Compostela…) como colectivas (“Olladas” en Lugo, “Rectángulo de Ouro” en Vilanova de Cerveira, Trobada d’Artistes en Teruel…)

A exposición estará aberta ata o 7 de febreiro e poderá ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas. 

2 de xaneiro de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.