publicidade hoxe

Convócase o XI Premio para a igualdade de xénero “Boas prácticas na escola”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello vén de convocar a undécima edición do Premio para a Igualdade de Xénero “Boas Prácticas na Escola” no que poderán participar todos os centros educativos do municipio, así como as asociacións de pais e nais. Baixo o lema de “IgualDÁ”, este premio creouse coa intención de promover a igualdade entre nenos e nenas, previr e erradicar a violencia de xénero a través de proxectos educativos a desenvolver nos centros de Ensino Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Para concursar haberá que presentar un proxecto educativo a desenvolver durante o curso. O prazo de presentación remata o 28 de abril.

O XI Premio para a Igualdade de Xénero “Boas Prácticas na Escola” ten como destinatarios os centros de ensino do municipio financiados con fondos públicos e as candidaturas poden ser presentadas polo profesorado, os departamentos ou a dirección do centro, así como polas ANPAS, sempre que nos proxectos estea involucrado activamente o alumnado.

As propostas de boas prácticas que concorran ao a concurso deberán ser orixinais e non ter sido premiadas noutros concursos. Ademais deberán tratar sobre o tema da educación para a igualdade e a prevención da violencia de xénero, cunha aplicación necesariamente práctica. Estes programas deberán ter comezado, aínda que non rematado, na data de finalización do prazo de presentación das propostas.

A Área de Igualdade do Concello concederá tres premios dotados cada un con 500 euros. As propostas serán avaliadas por un xurado composto pola concelleira de Políticas de Igualdade, o concelleiro de Educación e un representante do Consello Local da Muller, outro Consello Escolar Municipal e a directora do CIM.

O fallo dos Premios responderá ás tres propostas mellor valoradas polo xurado. Para elo teranse en conta criterios como a planificación e desenvolvemento do proxecto, os obxectivos e a coherencia das actuacións realizadas cos mesmos; o impacto ou resultado efectivo que tivo; o carácter innovador; o enfoque transversal ou o sostemento no tempo das accións, é dicir que teña como resultado cambios duradeiros que se poidan incluír nos Plans de Acción Anual, no Proxecto Educativo do Centro ou no Plan de Convivencia.

23 de xaneiro de 2017 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.