publicidade hoxe

As vodas civís rompen o teito histórico en Vilagarcía ao acadar as 58 celebracións durante o ano 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O 2016 foi un ano de abundancia no consistorio vilagarcián no que a vodas civís se refire. No ano que acabamos de despedir celebráronse en Ravella 58 matrimonios, o numero máis elevado dende que se comezaran a oficiar matrimonios no Concello, hai xa 21 anos. O título de Casamenteiro Maior recaeu na edil socialista Paola María Mochales, que casou a 23 parellas. En total foron 10 membros da Corporación os que oficiaron vodas o pasado ano.

A estatística histórica de vodas no Concello encabezábaa ata agora o ano 2007, no que se rexistraran 53 cerimonias, teito que rompeu o 2016 coas 58 antes comentadas e que se concentraron en tan so 9 meses, xa que durante o primeiro trimestre do ano non se produciu ningún casamento en Ravella.

O mes preferido o pasado ano polos vilagarciáns para casarse no consistorio foi xuño, con 14 cerimonias, seguido de setembro con 11. E o día con maior actividade casamenteira foi o sábado, 24 de setembro, xornada na que polo Salón Nobre pasaron para casarse en horario de mañá e tarde, nada menos que 6 parellas.

En maio celebráronse 8 casamentos; en xullo, agosto e outubro 5; e en marzo, abril e decembro contabilizáronse 3. Novembro foi o mes máis escaso en vodas, con só 1 cerimonia.

A competencia de oficiar os casamentos civís nun Concello corresponde ao alcalde que, non obstante, pode delegar en calquera membro da Corporación por asuntos de axenda ou a petición expresa dos noivos.Como consecuencia a esta disposición, Paola María relevou este ano a Tania García como concelleira máis casamenteira, aínda que a voceira do goberno tamén tivo bastante actividade, xa que oficiou 14 vodas. O terceiro lugar ocupouno o tamén socialista Lino Mouriño con 10 vodas e o cuarto o alcalde, Alberto Varela con 3. Argimiro Serén e Sonia Outón casaron en dúas ocasións cada un deles e os que simplemente se estrearon cun casamento oficiado en 2016 foron os populares Rocío Llovo, Jesús Longa e Cholo Dorgambide e o voceiro de EU, Jesús López.

A elección da Casa Consistorial para celebrar matrimonios civís parece que seguirá de moda en 2017, xa que a tan só dous días de iniciado o ano, xa hai reservada data para cinco vodas.

21 anos subindo as escaleiras do consistorio sobre a alfombra vermella

O Concello de Vilagarcía leva 21 anos celebrando vodas civís. A primeira tivo lugar na primavera de 1995 e, dende entón, suman 672 as parellas que elixiron o consistorio para contraer matrimonio pola vía civil.

Os noivos que elixen o Concello para casar poden optar pola voda administrativa ou pola cerimonial. As primeiras poden celebrarse de luns a venres en horario laboral do Concello e consisten na firma da documentación na Alcaldía. A voda cerimonial pode celebrarse polas tardes, fins de semana ou festivos. Teñen lugar no Salón Nobre e a escalinata principal do Concello cóbrese coa alfombra vermella.

Dende o ano 2007, as vodas cerimoniais conlevan a aplicación dunha taxa correspondente aos gastos de apertura do Concello fora de horario laboral e do persoal preciso para a posta a punto do salón nobre. O ano pasado a taxa foi de 78,05 euros, cantidade que se manterá para 2016.

Tamén nesto das vodas civís cambian as modas e costumes. Duns anos cara aquí estanse a celebrar vodas cerimoniais tamén en días laborais, a petición dos noivos e cada vez son máis as parellas que optan por celebrar a cerimonia civil no mesmo lugar no que ofrecen o banquete, como pazos ou casas rurais. Debido a esta costume cada vez máis habitual, en 2016 comezarase a cobrar quilometraxe polo desprazamento do concelleiro que vaia a oficiar unha voda fóra do termo municipal. A suma será a que por convenio se paga aos traballadores do Concello: 0,19 euros por quilometraxe

2 de xaneiro de 2017 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.