publicidade hoxe

A Deputación destina 51.000 euros a mellorar o Campo da Festa de Lestedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Medio Ambiente, financia con 51.144 euros o acondicionamento da zona verde do Campo da Festa de Lestedo, no concello de Boqueixón.

Esta parcela ten unha especial relevancia no municipio, xa que nela se celebran as feiras e mercados mensuais, e ten lugar a tradicional Festa da Filloa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Ademais, trátase do maior espazo público ao aire libre da parroquia de Lestedo, polo que este campo acolle tanto festas e actos dos veciños coma o espazo de ocio e xogos para os máis pequenos.

Céspede e sendeiros

As melloras que xa se están executando no Campo da Festa de Lestedo inclúen o laboreo superficial do terreo, para descompactalo e airealo, preparándoo así para o posterior nivelado e a plantación de céspede natural.

Co obxectivo de favorecer o tránsito dos veciños e garantir a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida, acondicionaranse varios sendeiros con zahorra estabilizada con cemento. Tamén se creará unha nova senda de dous metros de ancho que unirá a zona da igrexa coas escaleiras de baixada ao aparcamento.

En canto á zona norte do Campo da Festa, realizarase o abuxardado da beirarrúa co obxectivo de evitar os resbalamentos dos viandantes ocasionados pola humidade. Así mesmo, crearase unha nova rampla que permitirá a conexión da beirarrúa coa zona de aparcamento.

Nos parques infantís, procederase a limpeza con auga a presión do pavimento elástico e completarase coa creación de 13,5 metros cadrados máis desta superficie absorbedora de impactos.

As actuacións completaranse co acondicionamento de 240 metros cadrados de terreo na zona sur, que se nivelará para crear un pavimento continuo de 10 centímetros de espesor que alternará céspede e formigón.

25 de xaneiro de 2017 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.