publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña financia as obras de rehabilitación do entorno do Castelo de Moeche

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMoeche
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do Plan de Acción Social (PAS), financia as obras de renovación do entorno do Castelo de Moeche e da área recreativa de Soutogrande, cun investimento de 75.961,22 euros.

O deterioro provocado polo paso do tempo, fai necesaria esta intervención nos exteriores do Castelo de Moeche, na parroquia de San Xurxo, que forma parte do patrimonio histórico-turístico da provincia.

Entre as accións programadas está a substitución do talud dos arredores da rampla de acceso por unha malla anti herbas fixada ao terreo e a retirada dos valados de madeira naqueles treitos que estean en mal estado, substituíndoos por novos postes e pasamáns. Evitarase o uso de formigón no pavimento, ao tratarse de zonas protexidas por Patrimonio.

Ademais, redistribuiranse parte dos bloques que protexen o foxo do castelo, polos arredores tanto do talud como do propio foxo e colocarase un novo valado de madeira, idéntico ao xa existente para unha maior seguridade nesta zona.

Área Recreativa de Soutogrande

O proxecto de rehabilitación tamén contempla o acondicionamento da área recreativa de Soutogrande, situada á beira do río Grande de Xuvia, onde se acometerán diversas intervencións no camiño de acceso á piscina. Executaranse os traballos de pintado nas prazas de aparcadoiro e do portalón, a restauración de todas as zonas axardinadas, así como a substitución da placa do monólito de pedra por outra de novo deseño. Colocaranse ademais varios valados co obxectivo de protexer os desniveis e retirarase a caseta dereita, instalando a continuación un novo panel de madeira, similar aos existentes.

No recinto da piscina pública procederase tamén ao mantemento das sete casetas restantes, que inclúe a restauración dos paneis, a reforma de lavabos, sanitarios e duchas, así como cambio de carteis de sinalización.

Tamén se colocarán unha serie de bancos corridos de pedra co obxectivo de humanizar a contorna da piscina.Na zona de sombra con mesas, acondicionaranse todas as zonas verdes con terra vexetal e plantación de herbáceas e sistema de rego.

No tocante a carpa de madeira con solo pavimentado, formaranse catro entradas centradas en cada unha das caras, quedando o resto da carpa pechada cun valado de madeira tratada para exteriores. Na caseta de fábrica do antigo ambigú, substituirase a súa cuberta por outra nova de paneis de aceiro. Os traballos completaranse coa colocación de novo mobiliario e equipamento como mesas, bancos, unha fonte e papeleiras, entre outros elementos.

Xa na zona verde, procederase a plantación dun valado e de ampla vexetación, co obxectivo de acondicionar a área recreativa, e que permita o seu mantemento de cara aos próximos anos.

Estas accións, financiadas pola Deputación a través do Plan de acción Social (PAS), amosan o seu compromiso coa contorna rural, mellorando o servizo para os veciños e as súas condicións de vida.

25 de xaneiro de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.