publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 58.364 euros a obras de humanización do núcleo rural de Cores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPonteceso
A-
A+

A Deputación da Coruña financia con 58.364 euros as obras de humanización do entorno rural de Cores, no Concello de Ponteceso. A actuación, ten como finalidade a modernización e dinamización do lugar coa dotación de infraestruturas axeitadas que axuden a potenciar a aldea como núcleo etnográfico-turístico, mellorando os servizos para os veciños.

As obras a realizar contemplan a supresión dos tendidos eléctricos actuais, a súa substitución por unha rede soterrada para o alumeado público, e de baixa tensión para as vivendas. Ademais, instalarase unha rede de alcantarillado e un sistema de suministro contra incendios.

Entre outras actuacións que se executarán no lugar, atópanse os traballos de canalización da rede de saneamento e telefonía que optimizarán a calidade dos servizos na zona, para o que será necesario o levantamento do pavimento dos camiños existentes na actualidade. Por outra banda, as obras completaranse co asfaltado dunha praza no medio da calzada con lousas de granito e formigón.

Unha das finalidades prioritarias destas obras é modernizar as condicións de vida dos veciños do lugar, unificando a imaxe global do conxunto, recuperando unha linguaxe tradicional no emprego dos materiais e novas técnicas, que permitan a dinamización da contorna, sen desvirtuar o patrimonio existente.

Con esta intervención, contribuirase a conservación da esencia tradicional da aldea de Cores que posúe valores arquitectónicos, etnolóxicos e turísticos que a converten nun dos enclaves únicos do Concello de Ponteceso. Por iso, a urbanización deste espazo potenciará os elementos de interese patrimonial e cultural da zona.

4 de xaneiro de 2017 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.