publicidade hoxe

O detido en Vimianzo ten un fillo cunha moza da localidade e traballa nunha empresa madeireira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVimianzo
A-
A+
Europa Press

O detido en Vimianzo, de 33 anos de idade, está empadroado nesta localidade coruñesa dende 2013 e ten un bebé cunha moza natural do municipio coa que convivía xunto a dous fillos dela dunha relación anterior, a nai desta e unha tía octoxenaria.

Diso informou o alcalde, Manuel Antelo, quen apunta que o arrestado pola súa suposta vinculación co DAESH traballou nunha explotación de leite e agora se dedicaba ao sector da madeira.

O rexedor sinala que a familia coa que convivía o detido é “humilde e traballadora”, e “coñecida de sempre” de Vimianzo, da parroquia de Cereixo (a residencia está no lugar de Tufións).

El e a moza teñen un fillo dun ano e na casa viven tamén dous adolescentes, de 16 e 18 anos, dunha relación anterior, así como a nai da rapaza e unha tía de 80 anos.

“En principio é unha persoa integrada”, explica Antelo, antes de subliñar que “os veciños están totalmente sorprendidos” do sucedido, “máis alá” de transcender que o home recibía visitas de compatriotas. “Nunca se pensou nese tipo de cousas”, engade. Fálase de que facía viaxes a Madrid pero non se sabía nada”, apostila.

REXISTRO

Os axentes, segundo relata o alcalde, entraron ás 6,00 horas deste luns no domicilio, tras botar a porta abaixo, motivo polo que a familia pensou que se trataba dun roubo.

Segundo o rexedor, o tratamento foi correcto cos familiares, e levou a cabo un rexistro, ata aproximadamente o mediodía, cando o home foi conducido polos axentes.

A familia “non dá crédito” e está en estado de ‘shock’, segundo o primeiro edil, quen agrega que o bebé está ben, e tamén os adolescentes, aínda que unha delas se puxo moi nerviosa.

“De confirmarse” este caso, o alcalde advirte de que debe verse como algo “anecdótico”, xa que en Vimianzo “non hai unha poboación árabe importante” e “nunca houbo ningún problema”. “Traballan habitualmente en feiras e non hai ningún problema”, indica.

De ser certa esta vinculación co Estado Islámico, censura o comportamento do home por “aproveitarse dunha situación de xenerosidade e bo acollemento dos galegos á xente de fóra”.

MOI NERVIOSA

Tamén a muller se atopa “moi nerviosa” e “estrañada” tras o acontecido. O alcalde afirmou non ter ningunha dúbida de que ela non ten “nada que ver con este tema”, e destaca que “non entende nada”.

Despois do ‘shock’, resalta que haberá que ir resolvendo cuestións” e que xa deu orde aos servizos sociais para que se poñan en contacto coa familia e que a apoien “na medida do posible”.

O coronel da Garda Civil, pola súa banda, púxose en contacto con el para informalo de le operación, na que implican o detido cunha rede de captación de yihadistas e adoutrinamento.

De tódolos xeitos, chama a atención, para “tranquilidade da poboación”, sobre que non se localizou “ningún tipo de explosivos nin armas”, xa que era “unha cuestión intelectual”.

28 de novembro de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.