publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Valongo acolle a celebración da Virxe do Libramento coa 38ª edición da Festa da Filloa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaCotobade
A-
A+
Presentación dos festexos

Presentación dos festexos

A parroquia de Valongo presentou na xornada de hoxe as súas celebracións patronais na honra da Virxe do Libramento, que inclúen a 38ª edición da Festa da Filloa e que terán lugar dende mañá e durante esta fin de semana. A presentación do evento celebrouse no Concello de Cotobade coa presenza do alcalde, Jorge Cubela, e de membros da comisión organizadora, que revelaron o programa completo e animaron á asistencia.

Os actos comezarán mañá, a partires das 20.00 horas, cunha gran churrascada e rosca, doada por Panadería Francisco. Esta cea estará amenizada pola orquestra La Noche e, posteriormente, pola dicoteca móbil La Mega.

Xa o sábado, a xornada arrancará cun pasarrúas a cargo de Os Afoutes do Canón de Pau, que darán paso, dende as 13.30 horas, a unha misa solemne. Pola tarde, dende as 18.00 horas, chegará un dos pratos fortes da fin de semana coa 38ª edición do concurso de filloas, que é un dos de máis sona de toda Galicia. Este certame, onde se premiarán as creacións máis sabedeiras e saborosas, estará amenizado por charanga Charandonga e polo Mago Paco. Para pechar esta xornada, haberá verbena coas formacións Miramar e Triunfo.

O domingo será a xornada de clausura e na mesma primarán as tradicións en torno á Virxe do Libramento, sempre vencellada á fertilidade. O programa festivo comezará cun pasarrúas da man de Os Trazantes de Tenorio e continuará, dende as 13.30 horas, cunha misa solemne que estará cantada polo Coro de Santiago de Viascón.

O rexedor cotobadés quixo agradecer o esforzo e o traballo da comisión organizadora “porque sempre dan todo de si para contar cunhas festas que son unha das referenzas da bisbarra de Pontevedra cando cae o verán e porque manteñen tradicións importantes para Cotobade como a Festa da Filloa”. “Agardamos que, coma sempre, a parroquia de Valongo se quede pequena durante esta fin de semana. Creo que o esforzo dos veciños ben o merece”, concluíu Cubela.

1 de setembro de 2016 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.