publicidade hoxe

Inclusión Social reitera a colaboración con Cáritas diocesana Tui-Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTuiVigo
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a sede de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, na que mantivo un encontro co novo equipo directivo da entidade.

O titular autonómico destacou na súa visita os obxectivos da Consellería de Política Social, e que coinciden cos da asociación de Cáritas no que respecta á “loita contra a pobreza, a exclusión, a intolerancia e a discriminación”. “Acadar a integración plena de todas as persoas na sociedade é un obxectivo que pasa polo traballo conxunto entre todas as administracións e todas as entidades do tecido social”, explicou Parrado.

Por elo, nesta xornada, Arturo Parrado entrevistouse co novo director de Cáritas Tui-Vigo, Gonzalo Davila Davila, un encontro no que o director xeral tendeu a súa man para manter a colaboración entre a Consellería de Política Social e a entidade nesta nova etapa directiva. “A Xunta de Galicia seguirá colaborando con esta institución para facer realidade os seus obxectivos en prol dos colectivos máis desfavorecidos”, explicou o titular autonómico.

Cáritas Diocesana de Tui-Vigo loita contra a pobreza e a exclusión social a través de catro dimensións: o servizo de acollida e axuda para persoas en situación de necesidades; o traballo de promoción e integración coas persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social; tarefas de animación da comunidade; e compromiso a través da formación e sensibilización.

Grazas ao seu esforzo diario, a entidade atendeu a un total de 1.914 familias no ano 2015. Un cifra que “dá conta do compromiso de Cáritas coas persoas que máis o precisan”, afirmou Arturo Parrado.

O titular de Inclusión Social, tamén quixo destacar durante a súa visita o compromiso desinteresado dos máis de 500 voluntarios e voluntarias que colaboran con Cáritas Tui- Vigo.

20 de setembro de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.