publicidade hoxe

Francisco Conde defende a importancia da estratexia de especialización intelixente no futuro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá no municipio lucense de Sober á xornada Política económica rexional vista desde Portugal e Galicia, organizada polo grupo Colmeiro. Durante este encontro, defendeu a importancia de que a Eurorrexión que conforman a comunidade galega e o norte do país luso aposte pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) para “poñer o acento” nos cidadáns, nas novas tecnoloxías e no capital humano, o que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos preto de 6,5 millóns de persoas que viven nesta área.

Durante a súa intervención, Conde fixo especial fincapé na posta en marcha da primeira Estratexia de Especialización Intelixente transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal co obxectivo de mobilizar 360 millóns de euros ata finais desta década en proxectos de innovación. En concreto, citou cales serán os principais retos nesta materia: a consolidación da aposta polas enerxías renovables; a mellora da competitividade dos sectores agroalimentario e biotecnolóxico; o desenvolvemento das industriais de mobilidade; o impulso da Industria 4.0; o fomento da innovación nas industrias creativas e turísticas a través das TIC; e a posta en marcha de novas solucións para a vida saudable baseadas no envellecemento activo.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que este desenvolvemento conxunto da RIS3 se traduce na creación de emprego cualificado e de calidade; na posta en marcha de pemes con máis peso pola súa especialización e diversificación; na captación de investimentos procedentes de grandes empresas de fóra e de convocatorias públicas internacionais; e na consecución de centros de coñecemento máis preparados para estar ao servizo do sector produtivo en áreas estratéxicas.

Conde sinalou que a clave reside en sacar proveito das sinerxías positivas que existen entre Galicia e o norte de Portugal para ser máis competitivos e contar con máis forza no contexto internacional. Neste sentido, o conselleiro eloxiou os 25 anos desta Eurorrexión, que permitiu dar un pulo cara a integración cultural, económica e tecnolóxica dos dous territorios, colaborando en eidos estratéxicos para ambas economías, como a I+D+i, o deseño ou a loxística.

A través desta filosofía, a Eurorrexión acadou 150 millóns de euros dos Fondos Estruturais para Cooperación Transfronteiriza -o 40% do total- durante o período 2007-2013; unha aposta pola cooperación que agora se repite entre ambos territorios para afrontar os retos da Estratexia Europa 2020. Por este motivo, o conselleiro agradeceu ao grupo Colmeiro a organización desta xornada en Sober para avanzar no camiño que debe seguir a Eurorrexión nos vindeiros anos.

16 de setembro de 2016 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.