publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ábrese o prazo de inscrición para o casting de modelos infantís de Amodiña 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

FECIMO continúa coa organización da quinta edición de AMODIÑA – Pasarela de Moda do Morrazo, dando paso á elección dos modelos infantís que participarán lucindo as prendas do comercio local.

Este ano a federación precisa un total de 32 cativos, nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, para os pases de moda infantil. Para isto, celebrará como cada ano un CASTING para coñecer aos novos talentos da comarca e arredores.

O casting será o vindeiro día 1 de setembro na planta superior da Praza de Abastos de Moaña, ás 17:00h. Os nenos e nenas participantes terán que amosar o seu estilo para desfilar baixo a atenta mirada do xurado, composto por membros da axencia contratada para a coordinación dos modelos. Seranlle sacadas fotografías durante a proba, na que se valorará que os pequenos se desenvolvan diante do público de xeito desenfadado.

A inscrición previa é obrigatoria e está aberta dende hoxe ata o 30 de agosto. Pode realizarse por teléfono no 986 30 50 00 en horario de luns a venres de 8:30h a 15:30h ou a través do formulario que se atopa na web www.fecimo.es indicando os datos requeridos. O pai/nai ou titor legal deberá autorizar debidamente a participación do neno ou nena no certame.

Mentres, continúa coa organización de AMODIÑA 2016, o gran evento de moda do Morrazo que se celebrará o 17 de setembro ás 21:00h, tendo como punto de saída o Palco da Música situado no Paseo Marítimo de Moaña, e do cal se darán máis datos do seu desenvolvemento en vindeiras comunicacións.

19 de agosto de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.