publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A vicepresidenta da Deputación defende a obriga das administracións de potenciar a creatividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballo
A-
A+

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, participou en Carballo na clausura do obradoiro de creación literaria da Escola de Escritores-as da AELG a cargo da poeta Rosalía Fernández na que apostou pola implicación das administracións na promoción da creación e a difusión da cultura.

A Escola de Escritores-as da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) clausurou hoxe martes o obradoiro de creación literaria “Hibridar o imaxinario”, impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial cun acto EN que, ademais da propia autora, participou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o presidente da entidade promotora, Cesáreo Sánchez Iglesias. Ademais das intervencións, no acto desenvolveuse unha proposta performática por parte de persoas que participaron no obradoiro.

Goretti Sanmartín quixo, na súa intervención, destacar o esforzo realizado en iniciativas como a da AELG para contribuír a que as bibliotecas sexan “centros dinámicos” e felicitou de maneira especial o que denominou un “recitado contemporáneo, isto é, o feito de que a poesía sexa fundamentalmente un espazo coral de encontro arredor da creatividade”.

Para a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, patrocinadora do obradoiro, iniciativas deste tipo “facilitan a expresión individual de sentimentos, emocións, conflitos, difíciles de explicar doutra maneira”. Reivindicou tamén Goretti Sanmartín o traballo das persoas que tiveron a ousadía de, despois de asistiren ao obradoiro, pór en práctica unha performance literaria que emocionou o público asistente. “Obriga das administracións é potenciar a creatividade e conseguir que cadaquén achegue a súa expresividade particular a proxectos colectivos”, dixo.

Pola súa parte, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, destacou a importancia da poesía nun “tempo de sobreinformación paralizante xa que nos achega a territorios do humano, da propia capacidade de escoitar”.

O obradoiro, que tivo como autor convidado o poeta Paco Souto, foi impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial que explicou o proceso participativo de achegamento á poesía e as distintas formas de expresións en que se combina con novas linguaxes expresivas.

30 de agosto de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.