publicidade hoxe

A reforma do Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro comezará en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

As obras de rehabilitación do Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro para optimizar  a súa funcionalidade e adaptalo mellor ás actividades socioculturais que nel se desenvolven comezarán o próximo mes de setembro.

 Ao orzamento da reforma, de 67.000 euros a cargo do Plan de Acción Social provincial, súmaselle a achega de 35.000 euros para a adquisición de equipamento por parte da Consellería de Cultura en virtude dun acordo asinado esta semana entre o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e o conselleiro Román Rodríguez.

 No convenio destácase o papel que xogan estas dependencias municipais na programación anual de numerosas actividades tanto por parte do Concello como das asociacións veciñais. De feito, a rehabilitación do inmoble foi incluída nos orzamentos de Curtis para este ano como proposta presentada polos veciños nos procesos abertos de participación cidadá.

 A Consellería de Cultura resalta, ademais, a importancia de que o Edificio de Usos Múltiples ofreza un servizo permanente durante todo o ano á poboación do concello curtiense así como dos municipios limítrofes.

 As obras neste edificio pretenden dotalo de novos espazos que permitan unha maior polivalencia das súas instalacións. O fin é dispor dunha nova aula para cursos, unha segunda sala de usos varios, máis entradas ao edificio e aseos accesibles. A reforma incluirá o salón de actos para aumentar a súa capacidade. 

25 de agosto de 2016 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.