publicidade hoxe

O conselleiro de Política Social avanza co Concello de Foz na cesión da xestión do fogar residencial e centro de día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+
Rey Varela na visita a Foz

Rey Varela na visita a Foz

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela reuniuse na mañá de hoxe co alcalde do Concello de Foz, Javier Jorge Castiñeira, para departir acerca da situación actual do centro de día do municipio lugués. Alí, os representantes de ambas as dúas entidades avanzaron na cesión da xestión do fogar residencial e centro de día para a atención das persoas maiores do concello e da súa comarca, co obxectivo de prestar o servizo a persoas sen recursos e con alto grao de dependencia. Do mesmo xeito, coa cesión da xestión do inmoble ao Concello de Foz, as persoas maiores que se atopan na actual residencia do Concello serán acollidas no fogar residencial. A cesión realizarase polos vindeiros dous anos, coa posibilidade de prórroga doutros dous anos máis. Grazas a este acordo o centro de día e fogar residencial poderá abrir as súas portas neste mesmo ano.

O responsable da área social do Goberno galego salientou que o obxectivo da Consellería de Política Social é “trasladar a recuperación das contas públicas ás familias galegas, priorizando a aquelas persoas que máis dificultades teñen”. “Grazas ao centro de día de Foz axudamos a mellorar a calidade de vida de dous colectivos que ocupan un lugar fundamental nas nosas políticas como son os galegos e as galegas con menos recursos e os que sofren unha situación de vulnerabilidade pola súa dependencia”, explicou.

O centro conta con 80 prazas (40 de centro de día e 40 de fogar residencial), ten unha superficie de 2.317,21 metros cadrados e atópase completamente equipado. As obras de construción foron recibidas en novembro de 2015 e a Xunta de Galicia realizou un investimento total de 2.340.603,16 euros cofinanciados con fondos FEDER (80%) e fondos propios do Goberno galego (20%).

Na súa visita a Foz, o conselleiro de Política Social valorou moi positivamente a cesión do centro ao concello lucense xa que, deste xeito, “garántese a inmediata posta en funcionamento do novo centro e o cumprimento dos fins para os que foi proxectado como centro de atención ás persoas maiores”. Nesta liña, Rey Varela anunciou que o convenio que permitirá esta cesión está en fase de tramitación e que será asinado proximamente para a posta en marcha do centro.

Outras liñas de colaboración

Ambos mandatarios sinalaron o acordo acadado respecto ao centro de día e fogar residencial como unha nova liña de colaboración entre Xunta e concello que ten beneficiado aos veciños de Foz. Neste aspecto cómpre sinalar o incremento de 2.784 horas anuais no Servizo de Axuda no Fogar ata acadar as 37.548 horas anuais e unha ratio de atención do 95,95%. Este incremento débese a un aumento da partida consignada ao SAF que no 2009 era de 140.000 euros e agora ascende ata os 360.000 euros.

Tocante a atención aos máis pequenos, a Xunta de Galicia investiu preto de 18.000 euros nas obras de mellora e mellora do equipamento na Escola Infantil Nosa Señora da Purificación. Cómpre subliñar que a ratio de prazas públicas en escolas infantís é do 52% cun total de 117 prazas, moi por riba da taxa aconsellada pola Unión Europea que é do 33%. Así tamén, o Concello de Foz é beneficiario de numerosas axudas para os recén nacidos, como é o caso da Tarxeta Benvida.

29 de xullo de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.