publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 733.000 euros na mellora do saneamento do concello de Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Cedeira. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Cedeira. Foto: M. Fuentes

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá en Cedeira máis de 733.000 euros (733.650 euros), con cargo a fondos europeos, co obxectivo de mellorar o saneamento desta localidade. Así se establece no convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda.

As actuacións consistirán na construción dunha nova rede separativa de pluviais, deixando os colectores existentes exclusivamente para o transporte de augas fecais. Así mesmo, renovarase o tramo de colector que parte do Polígono da Xunqueira, posto que actualmente sofre filtracións e é necesario impermeabilizar os pozos de rexistro da rede.

Segundo destacou a titular do departamento autonómico, este tipo de colaboracións entre a Xunta e os concellos garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.

18 de xullo de 2016 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.