publicidade hoxe

A Xunta resalta o proxecto Valorpur como unha oportunidade para impulsar a sustentabilidade medioambiental da industria cárnica galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, resaltaron o proxecto Valorpur, que se leva a cabo nunhas instalacións de tratamento e aproveitamento de residuos orgánicos de porco en Celanova, como unha oportunidade para impulsar a eficiencia enerxética e a sostibilidade medioambiental da industria cárnica galega. Ambos conselleiros avaliaron hoxe a posta en marcha da iniciativa, enmarcada na Unidade Mixta de Investigación promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e na que participan Coren e o Centro Tecnolóxico da Carne.

Conde apuntou que Valorpur busca valorizar de forma integral os excrementos de porco branco, cun sistema único en Galicia para tratalos desde o punto de vista físico, químico e biolóxico, e permitirá minimizar o impacto ambiental das 250.000 toneladas de excrementos que se producen nas granxas de Coren, transformándoas en fertilizantes e biocombustibles. “A ese traballo de consolidación no mercado, únese en paralelo todo un desenvolvemento de I+D para que nos diferentes eidos de actuación, tanto no avícola, como no porcino, de alimentos funcionais e tamén no enerxético, Coren poida seguir traballando pensando no futuro e en como vai manter esa posición de liderado”, sinalou o conselleiro.

O conselleiro salientou que Valorpur é un dos sete proxectos da Unidade Mixta que une a Coren e o CTC, “nos que están a traballar 90 persoas e que suporá un investimento de 24 millóns por parte da Xunta e de ambos líderes ourensáns”. A presenza de ambos é unha garantía de éxito: o CTC, co impulso da Consellería de Medio Rural, é un dos grandes referentes do I+D alimentario galego; mentres que Coren xa é o gran xigante do sector primario galego, con 3.000 empregados, representando máis do 40% da produción gandeira galega, e exportando máis do 30% da súa produción. Conde destacou a importancia deste proxecto como “exemplo claro de colaboración público-privada para xerar valor engadido e manter a posición de liderado do sector agroalimentario de Galicia”.

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural destacou a importancia deste tipo de proxectos que permiten desenvolver as actividades básicas das explotacións gandeiras dunha forma axeitada e respectuosa co medio ambiente. Ángeles Vázquez salientou que, co proxecto Valorpur, poderase solventar dunha forma eficiente e eficaz dende o punto de vista económico e técnico, uns dos principais problemas da actividade gandeira como é a xestión e control das dexeccións gandeiras e outros subprodutos animais.

Ángeles Vázquez sinalou que, ao tratarse de residuos de difícil xestión, sobre todo naquelas comarcas de alta concentración de explotacións gandeiras intensivas, a posta en marcha desta planta piloto facilitará a outras explotacións de porcino incorporar sistemas de xestión de puríns máis adecuados segundo a súa ubicación.

Esta iniciativa é a maior de todas as Unidades Mixtas de Investigación, das que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de realizar unha nova convocatoria para sumar 25 proxectos e xerar 360 empregos altamente cualificados. Un programa de colaboración público privada que resulta estratéxico para que as empresas e centros de coñecemento colaboren en sectores significativos para Galicia co fin de gañar competitividade no mercado global. Sectores como, precisamente, o da alimentación, que nestes momentos suma tres Unidades Mixtas, que contan cun apoio da Xunta de Galicia de case 7 millóns para mobilizar un investimento total cercano aos 30 millóns de euros.

Ambos conselleiros tamén participaron nunha reunión con xoves empresarios, organizada xunto á Federación de Novos Empresarios-Fegaxe e celebrada no espazo de Coworking que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberto en Celanova da man da EOI e que acollerá, durante os dous próximos anos, ata 88 proxectos empresariais. Durante a reunión analizouse a situación empresarial do concello, marcada polo sector servizos e por eidos industriais como a madeira, a elaboración de produtos lácteos e os establecementos relacionados co sector metalúrxico dedicado á construción.

13 de xullo de 2016 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.