publicidade hoxe

O antigo Condado de Pallares regresa á actualidade coa décima edición do certame de investigación que leva o seu nome

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, o Presidente da Asociación de amigos o Mosteiro de Ferreiro de Pallares, Carlos Vázquez García, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, o Xefe da Zona Sur de ABANCA, Alberto López Sánchez, e o rexedores municipais de Taboada, Ramiro Moure Ansoar; así como doutras autoridades da provincia, presentou a nova edición do Certame de Investigación Condado de Pallares, que se celebra xa por décimo ano consecutivo.

López Izquierdo subliñou a importancia de colaborar neste tipo de iniciativas que fomentan o estudo da nosa cultura, da nosa historia, do noso patrimonio, unha riqueza que non podemos permitir que desapareza”. Neste senso, a Deputada destacou a necesidade de “continuar colaborando de xeito conxunto entre as administración públicas do país no eido da investigación, o que crea un valor engadido, non só para a nosa provincia, senón para o país”.

Neste certame poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa do 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, as cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares. O prazo de entrega dos traballos rematará o 2 de novembro. O gañador recibirá un premio de 3.000 euros, a parte de ver publicada a súa obra.

Bases do concurso

Os interesados en participar deberán presentar escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa do 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial das cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares. As bases do concurso son as seguintes:

1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa de 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

2. A extensión dos escritos é ilimitada, e contarán cun mínimo de cen folios. Deberán ser presentados por cuadriplicado, en formato DIN A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara con tipografía Times New Roman, tamaño 12. Xuntarase tamén unha copia en formato dixital.

3. Os orixinais serán enviados por correo certificado, baixo plica, no que figurarán os datos do autor/a, o lugar de residencia, teléfono e currículo, ao seguinte enderezo: Asociación de amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Casa reitoral, Nº 6 – Ferreira de Pallares – 27211 Guntín (Lugo), indicando no sobre: X Certame Condado de Pallares. O Prazo de presentación rematará o 2 de novembro de 2016.

4. Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao autor/a da obra que reúna suficientes méritos científicos. O premio poderá ser declarado deserto.
5. O Xurado estará composto por tres membros de recoñecido prestixio do mundo da cultura galega, designados polas institucións que convocan o certame. Actuará de secretario un directivo da Asociación, con voz e sen voto.

6. O Xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o día 26 novembro.

7. O acto de entrega do citado premio será na Casa de Cultura de Taboada no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.

8. As institucións convocantes resérvanse todos os dereitos sobre o traballo gañador, incluído o da súa publicación na primeira edición sempre e cando as achegas económicas permitan a publicación do mesmo. Neste caso, a obra gañadora será publicada na normativa oficial e a organización entregaralle 25 exemplares.

9. Os orixinais non premiados serán enviados aos autores/as e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, sempre que o soliciten por escrito. Transcorrido dito tempo, serán destruídos.

10. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación de todas as normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se designe. O seu fallo será inapelable.

Reputados membros no xurado

Coma sempre, o xurado está composto por 3 profesionais do sector cunha ampla traxectoria recoñecida no ámbito dos estudos histórico e da Universidade. Estes son:

- Carlos Baliñas Pérez: é un escritor e historiador galego que estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Historia Medieval en 1984 e se doutorou en 1990. No 1992 exerceu como profesor da British Academy. En 1988 comezou a traballar como docente e investigador no campus de Lugo da USC, como profesor axudante de Historia Medieval converténdose en 1999 en Profesor Titular. Foi secretario e vicedecano da Facultade de Humanidades de Lugo.

- Gonzalo Francisco Fernández Suárez: é un escritor e Doutor en historia. Exerce tamén a súa labor coma Docente da Área de Ciencias e Técnicas Historiográficas na Facultade de Humanidades dende o curso 2003-2004. A súa investigación versa na documentación nobiliaria, municipal, das Xuntas do Reino de Galicia e na notarial, entre outros.

- Fernando Arribas Arias: É diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica e licenciado en Humanidades pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como técnico de difusión do Museo Provincial de Lugo. Foi membro da comisión territorial do Patrimonio Histórico-Artístico da Xunta de Galicia en Lugo e da comisión técnica de Arqueoloxía da Xunta de Galicia. É socio-fundador de diversas asociacións relacionadas co patrimonio cultural e, actualmente, é o secretario da Asociación de Amigos do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos.

30 de xuño de 2016 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.