publicidade hoxe

A Xunta mostra o seu apoio ás entidades que loitan contra a trata con fins de explotación sexual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+
Intervención de Susana López Abella nas xornadas de sensibilización. Foto: M. Fuentes

Intervención de Susana López Abella nas xornadas de sensibilización. Foto: M. Fuentes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe, en Arteixo, na inauguración das XIV Xornadas de sensibilización sobre a interculturalidade Migracións extremas: modelos, visións e experiencias para afrontar o reto, organizadas pola ONG Ecos do Sur.

Durante a súa intervención, a secretaria manifestou o apoio da Xunta coas entidades que, como Ecos do Sur, se implican na eliminación das discriminacións e que impulsan a realización de proxectos e actividades encamiñadas a mellorar a situación das mulleres.

Neste sentido, destacou que Igualdade axuda desde hai anos a subvencionar dous programas especialmente importantes para darlle a volta ás situacións de exclusión que sofren as vítimas de trata e as nais inmigrantes. Desde o ano 2009 achegáronselles preto de 420.000 euros a ambos programas.

O primeiro dos programas, Afrodita, presta un apoio integral a persoas en situación de explotación sexual, ás que se lle achegan asistencia xurídica e sanitaria, ademais de orientación laboral e social, acompañamentos a institucións e atención psicolóxica.

Este ano o programa continúa, desenvolvendo as súas actividades fundamentalmente na cidade da Coruña e o seu entorno, e sobre todo na comarca do Xallas, onde se ten detectado un aumento de mulleres procedentes da República Dominicana e susceptibles de de atoparse en situación de explotación.

O Programa de Apoio a Nais busca avanzar na plena integración das nais inmigrantes e ofrece, de xeito completamente personalizado, todos os aspectos imprescindibles para avanzar na integración social e laboral das mulleres estranxeiras xestantes ou con fillos/ás de ata tres anos.

Ecos do Sur favorece o acceso destas mulleres ao emprego e aos recursos que necesitan a través dunha serie de servizos integrais que inclúen o asesoramento social, xurídico e sanitario; atención psicolóxica; orientación e intermediación laboral, e formación para o emprego e sobre embarazo e maternidade.

López Abella concluíu agradecendo a ONG o seu “magnífico traballo”, que, segundo explicou, levou á Rede Galega contra a Trata -da que forma parte Ecos do Sur- a recibir a Medalla Castelao 2015.

Na inauguración tamén participaron o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, a concelleira do Área de Benestar Comunitario, Inés Ramos, e a directora de Ecos do Sur, Susana Blanco.

5 de maio de 2016 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.