publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta afirma que apoiará a Alcoa cos requisitos de que haxa inversión e mantemento de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, afirmou que a Xunta “estará sempre a apoiar a Alcoa, como estivo a apoiala durante estes últimos anos, e garantindo que a presenza dun proxecto industrial tan estratéxico para Galicia se poida consolidar”.

Preguntado, coincidindo coa súa presenza nun acto en Santiago, pola posible venda das plantas que a multinacional do aluminio ten en España -unha en A Coruña, outra en San Cibrao (Cervo, Lugo) e outra en Asturias-, Conde advertiu de que este apoio estará, con todo, supeditado ao cumprimento de dous requisitos: que haxa inversión e o mantemento dos postos de traballo.

Pola súa banda, fontes de Alcoa reiteraron este martes que a empresa está a “avaliar todas as operacións” pero que non hai “ningunha decisión tomada”. Cando a haxa, apuntan, comunicarase ás partes interesadas, a primeira delas o persoal. Ademais, estas fontes indicaron que para a operación non hai un prazo previsto, e evitan achegar nomes de posibles compradores interesados nas fábricas.

O Goberno galego, pola súa parte, a través do titular de Economía, destacou que “durante todos estes últimos anos” veu apoiando “a posición de Alcoa”. “Apoiámola no seu momento para que se impulsase a construción do gasoduto de A Mariña e que polo tanto mellorase a súa competitividade, e apoiámola tamén poñendo á súa disposición diferentes axudas para investimentos”, expuxo.

INTERRUMPIBILIDADE

Neste sentido, referiuse, ademais, á “axuda” da Xunta “na configuración dun novo modelo de interrumpibilidade que respondese precisamente aos obxectivos que tiña Alcoa”. “Nestes momentos estamos tamén apoiando ao conxunto de empresas electrointensivas para que esa orde de interrumpibilidade responda ás necesidades de competitividade en termos de estabilidade, certeza e dispoñibilidade duns ingresos que permitan facilitar a súa competitividade”, afondou o conselleiro.

Así, remarcou que Alcoa é “unha planta estratéxica para Galicia tanto en San Cibrao coma en A Coruña”, e reiterou que “todo o que signifique apoio aos investimentos e todo o que signifique mantemento dos postos de traballo contará co apoio deste Goberno e seguirá contando coas diferentes oportunidades que poden permitir a presenza de Alcoa en Galicia”. “Cun elemento moi claro de apoio aos investimentos e de mantemento dos postos de traballo”, insistiu.

A liña seguida, Francisco Conde recoñeceu que “as estratexias empresariais para consolidar esa posición son unha cousa que responde loxicamente á propia estratexia que teña a empresa” e dixo que “corresponde á empresa dar conta deste tipo de estratexias”.

“En calquera caso noso obxectivo será sempre apoiar esa posición de Alcoa con eses dous criterios: que se siga invertendo en Galicia facendo as dúas plantas competitivas e que se manteñan os postos de traballo e se consolide a posición dende o punto de vista do impacto económico e social de Alcoa”, afondou.

Conde fixo fincapé en que eses dous requisitos “son claros” pero agregou que “a partir de aí a estratexia empresarial lle corresponde aos directivos de Alcoa”.

POSICIÓN “CLARA E TRANSPARENTE”

Cuestionado sobre se esa estratexia pode pasar por un “intento” de venda para premer o Executivo central, o responsable de Industria da Xunta defendeu manter a este respecto “unha posición moi clara e moi transparente de apoio ao conxunto das empresas electrointensivas”.

A orde de interrumpibilidade que ten que convocar o Goberno, advertiu, “ten que responder en termos de certeza e estabilidade e uns ingresos para o conxunto das empresas electrointensivas que poidan garantir a súa competitividade”.

“Iso significa, e así trasladámolo tanto ao ministerio coma a Rede Eléctrica, que haxa un prezo coñecido durante un período mínimo de dous, tres anos e que tamén haxa uns ingresos que respondan ás necesidades reais das empresas para garantir a súa competitividade”, sostivo.

“A orde non pode significar en ningún momento ingresos extraordinarios para as empresas; ten que significar unha posición que lles permita ser competitivos respondendo aos criterios que marca o goberno en termos de concorrencia competitiva para garantir que estas axudas non incorren na normativa de axudas de estado”, sinalou.

Nese contexto, o Goberno galego, apostilou, “seguirá sendo moi incisivo defendendo a posición de todas as electrointensivas tanto ante o ministerio coma ante Rede Eléctrica.

24 de maio de 2016 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.