publicidade hoxe

A Consellería do Mar mellora as instalacións da frota profesional de Burela colocando un segundo pantalán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+

A Consellería do Mar está a mellorar as instalacións para a frota profesional de Burela coa colocación dun novo pantalán de 36 metros que complementa ao instalado hai tres meses. O seguimento destas e outras obras foi obxecto da reunión que hoxe mantivo o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, co patrón maior de Burela, Basilio Otero, e con representantes de Armadores de Burela Sociedade Anónima (ABSA). Esta xuntanza, celebrada nas instalacións do cabido, foi solicitada pola confraría para tratar exclusivamente temas relacionados coas instalacións do porto.

A colocación deste pantalán suporá un notable aumento no número de prazas de atraque para a terceira lista. Está formado por tres módulos de doce metros cada un, o que permitirá a atracada das embarcacións polas dúas caras. A colocación desta infraestrutura aboiante suporá uns 60.000 euros, que completan así a instalación hai tres meses doutro pantalán, que supuxo un investimento doutros 60.000 euros.

Nesta reunión fíxose un seguimeno das obras en marcha e das que actualmente están en fase de tramitación. Entre elas a da construción dun segundo martelo para un maior abrigo das instalacións portuarias e para facilitar a operatividade das embarcacións deste porto.

Tamén se trataron outros asuntos relativos ao mantemento e conservación das instalacións portuarias, como diversas reparacións e a substitución dalgúns elementos de amarre dos buques e a mellora dos accesos aos peiraos desde o mar. Ademais o presidente de Portos recolleu outras propostas realizadas polos representantes da confraría e de ABSA, que serán valoradas polos técnicos do organismo portuario.

11 de maio de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.