publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo inaugura a feira “O polígono nunca visto” polo 50 aniversario do polígono San Cibrao das Viñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+
O presidente da Xunta na inauguración de "O polígono nunca visto". Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta na inauguración de “O polígono nunca visto”. Foto: X. Crespo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso da Xunta por seguir impulsando os parques empresariais da Comunidade para incentivar o tecido produtivo e o crecemento económico. “Somos conscientes de que sen solo industrial accesible non se poden constituír empresas e por iso decidimos durante a crise económica reactivar as políticas de solo industrial da Comunidade”, aseverou, lembrando que durante os últimos anos se rebaixou entre un 30% e un 50% o valor do solo industrial propiedade da Xunta, “e o efecto foi que no ano 2015 vendimos máis solo industrial que durante os anos 2012, 2013 e 2014 conxuntamente”.

Durante a inauguración da feira O polígono nunca visto, que se celebra co gallo do 50 aniversario do polígono San Cibrao das Viñas, Feijóo destacou que para continuar e reforzar esta estratexia se autorizou, ademais, o alugamento do solo industrial en réxime de dereito de superficie, “o que supón pagar ao ano céntimos de euro por cada metro cadrado” dixo.

Nesta liña, o responsable da Administración autonómica afirmou que o polígono de San Cibrao das Viñas se enmarca dentro dese esforzo xeral por facer máis dinámicos os parques empresariais da Comunidade. Non en van, recordou que nel se atopa un dos cerebros económicos de Galicia, o Parque Tecnolóxico que a Xunta impulsou en 1993.

Feijóo subliñou que o apoio á Tecnópole non é a única mostra do compromiso da Xunta con este polígono industrial, que puxo o foco do seu investimento tanto nas súas infraestruturas como no apoio das compañías que a compoñen. “E imos seguir traballando coa asociación de empresarios do polígono, para impulsar a seguridade, reforzar a infraestrutura tecnolóxica e reparar as vías. Seguiremos atendendo as necesidades deste polígono, dos seus emprendedores e dos seus traballadores” aseverou.

Sobre este punto, afirmou que o Goberno galego segue a traballar co Ministerio de Fomento incidindo na importancia de situar unha estación ferroviaria de mercadorías dentro deste polígono; “e temos unha partida de 15 millóns de euros consignada nos presupostos da Xunta para conectar este parque empresarial coa A-52. Neste momento, estamos elaborando o proxecto construtivo que adxudicaremos nas próximas semanas para deixar lista a licitación e a contratación da obra”.

Feijóo subliñou que o polígono de San Cibrao das Viñas é hoxe un dos máis grandes da Comunidade, con case 5 millóns de metros cadrados, 320 empresas e 8.000 traballadores. “Aquí traballan máis da metade das persoas que se dedican ao sector industrial en Ourense; e a metade das medianas empresas da provincia de Ourense teñen aquí a súa sede”, precisou.

O titular da Xunta concluíu reiterando que Galicia cumpriu en 2015 o obxectivo de déficit, “o que nos vai permitir –aseverou- un crecemento san; é dicir, non crecer con base en créditos nin en débedas, senón crecer realmente con base no diñeiro que temos dispoñible”. Así mesmo, resaltou que isto permitirá adicionalmente “non ter que pedir como o resto das comunidades diñeiro ao Goberno central para chegar a final de mes e, non ter que pedir esforzos aos cidadáns durante os próximos meses para axustar o déficit público”.

1 de abril de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.