publicidade hoxe

A Xunta aproba a modificación das normas subsidiarias de Cangas que permitirá habilitar 190.000 metros cadrados de solo industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, notificou hoxe ao Concello de Cangas e á Asociación de empresarios A Portela a Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias, que permitirá clasificar como solo urbanizable con ordenación detallada un ámbito de 189.025 m2, situado nas parroquias de Coiro e Darbo, clasificado maioritariamente como solo urbanizable non delimitado.

O ámbito do SAUI-1 recollido polas NNSS de Cangas foi obxecto dunha expropiación parcial polas obras de execución da infraestrutura viaria C.G.4.1 Rande- Alto da Portela, polo que a zona afectada pola infraestrutura queda clasificada como solo rústico de protección de infraestruturas, e a restante queda dividida en dúas zonas, norte e sur. O ámbito atópase atravesado de norte a sur pola estrada PO-551.

A modificación puntual exclúe da delimitación inicial do SAUI-1 os terreos expropiados para o C.G.4.1 Rande- Alto da Portela, mais amplía o sector no seu extremo leste. Así, defínese un único sector de 189.025,08 m2, ao que se adscribe unha superficie de 7.941,57 m2 para a conexión cos viarios situados en solo rústico de protección de infraestruturas.

O proxecto recoñece a consolidación do ámbito, mantén a ordenación das parcelas xa edificadas, e incorpora como edificables parcelas vacantes. As reservas de espazos libres e equipamentos sitúanse no perímetro do ámbito. Defínese un único polígono de xestión con sistema de actuación por cooperación urbanística.

As reunións celebradas entre a Consellería, representada pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e responsables do concello, co alcalde, Xosé Manuel Pazos Varela ao fronte, xunto co presidente da Asociación de Empresarios A Portela, Cándido Santomé Chapela, permitiu axilizar o proxecto que foi aprobado provisionalmente polo pleno municipal o pasado 5 de febreiro e remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva.

13 de abril de 2016 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.