publicidade hoxe

A Deputación ofrece asesoramento laboral gratuíto a desempregados en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, mantiveron este mércores un encontro con desempregados da zona sur da provincia que hoxe mesmo recibiron asesoramento laboral gratuíto a través do “Servizo de Guía Laboral”, que puxo en marcha o organismo provincial ao abeiro do Ben Empregado. Nesta xuntanza, que tivo lugar no edificio multiusos de Monforte, participaron veciños do Concello monfortino, así como do Saviñao e de Chantada.

Santos Ramos destacou que “con este, xa son 3 os encontros que a Deputación organizou con desempregados lucenses para ofrecer in situ o Servizo de Guía Laboral, co que melloramos as habilidades das persoas á hora de enfrontarse a unha entrevista de traballo”. O Deputado explicou que na zona norte, organizamos o encontro no concello mariñao de Burela; na centro en Sarria; e na zona sur o en Monforte de Lemos. Ademais, cada usuario foi atendido de xeito individual, nun horario de 09:00 horas a 14:30 horas e destináronse, de media, entre 60 e 90 minutos en cada cita

Santos Ramos subliñou que a decisión de organizar estes encontros por zonas, nace logo de ver o grande número de veciños que solicitaron este servizo. Deste xeito, decidíronse organizar 3 xuntanzas, unha na zona norte da provincia, outra na zona centro e outra na sur, para que os desempregados lucenses non se teñan que desprazar á capital e poidan se atendidos nun lugar máis próximo aos seus domicilios, evitándolle custos de desprazamento. Ramos destacou que se farán máis xuntanzas se hai máis solicitantes.

Datos do servizo

A Deputación de Lugo, dentro da súa liña de apoio e asesoramento a desempregados, puxo en marcha recentemente o “Servizo de Guía Laboral”, co que o organismo provincial ofrece asesoramento especializado e gratuíto para afrontar con éxito un proceso de selección de traballo. Dende a súa posta en marcha, ao redor de 278 persoas solicitaron este servizo. O 71,7% recibírono de xeito presencial nas dependencias da Deputación e un 28,2 a través de Internet.

As preguntas e dúbidas máis frecuentes que os técnicos de emprego responderon foron sobre os modelos de elaboración dun curriculum vitae, consellos para afrontar unha entrevista de traballo ou técnicas comunicativas axeitadas a empregar nos procesos selectivos.

27 de abril de 2016 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.