publicidade hoxe

O obradoiro de emprego “Xuventude Ulla Umia” pecha as súas portas tras formar a 15 desempregados en agricultura ecolóxica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisMorañaValga
A-
A+
Cores Tourís na clausura do obradoiro

Cores Tourís na clausura do obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá no acto de clausura do obradoiro de emprego “Xuventude Ulla Umia”, acompañado da alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro e do alcalde de Cuntis, Manuel Campos.

O obradoiro, que estivo conformado por veciños de Cuntis, Moraña e Valga, tivo unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investiu case 130.000 euros, “que coa aportación a maiores dos tres concellos chegará a roldar os 160.000 euros”, explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos foi preparar a 15 alumnos menores de 30 anos, aos que se debe sumar o persoal contratado para dar formación en agricultura ecolóxica.

O obradoiro “Xuventude Ulla Umia” estivo dirixido aos mozos e mozas menores de 25 anos que nin estudan nin traballan e están inscritos no sistema de Garantía Xuvenil. Isto convertiu a Moraña nun dos concellos pioneiros na organización destes obradoiros destinados á mocidade.

O delegado territorial recordou que este tipo de iniciativas ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente, especialmente tendo en conta que estamos a falar dun obradoiro dirixido aos nosos mozos e mozas, os que, na actualidade, están tendo máis problemas á hora de atopar o seu primeiro emprego”.

Once homes e catro mulleres traballaron durante estes meses na realización de operacións de manexo, mantemento, produción e recolección de cultivos en espazos apropiados para a agricultura de base ecolóxica nos concellos de Moraña, Valga e Cuntis.

Pola súa banda, a alcaldesa de Moraña, destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto que permitiu formar a estes mozos e mozas desempregadas do municipio durante 6 meses e finalmente, formalos para poder optar a un posto de emprego no futuro”, destacando ademais o potencial que a agricultura ecolóxica ten nos tres concellos que conforman o obradoiro de emprego, un sector que o ano pasado obtivo unha facturación de case 32 millóns de euros en Galicia, cun crecemento anual do 20%.

Tamén explicou Luisa Piñeiro que os produtos ecolóxicos plantados polos alumnos serán recollidos e entregados a Cáritas.

O delegado territorial insistiu en que a formación que recibiron os alumnos deste obradoiro permitirá que poidan poñer en marcha a súa propia empresa de produtos ecolóxicos ou traballar nalgunha das 149 firmas de elaboración e comercialización con que conta Galicia. “A nosa comunidade autonóma destina unha superficie de 16.235 hectáreas de explotación á agricultura ecolóxica, o que é debido, en parte as novas axudas para a agricultura ecolóxica, que puxo en marcha a Consellería do Medio Rural no mes de marzo de este ano”. Cores Tourís recordou neste senso, que o novo Plan de desenvolvemento rural 2014-2020 conta cunha liña de axudas específica para o fomento da agricultura ecolóxica.

O delegado territorial puxo como exemplo desta labor as importantes explotacións de castaña, oliveiros e mazá ecolóxica que existen no sur de Galicia. “No caso da mazá ecolóxica, cabe destacar o proxecto Cernes na Estrada (Comunidade de espazos rurais para unha nova economía sostible), un proxecto de produción ecolóxica 100% que conta xa con case 100 hectáreas e 30 produtores”, recordou Cores Tourís quen animou aos alumnos do curso a visitalo.

Nos últimos anos, Moraña contou con 3 obradoiros e un investimento global que roldou os 900.000 euros.

Obradoiros como o de Moraña que hoxe se clausura desenvolvéronse durante estes pasados meses en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na provincia de Pontevedra, investíronse 3,5 millóns de euros para a posta en marcha destes cursos de formación que beneficiarán a case 500 persoas entre alumnos e profesores, en 20 obradoiros en outros tantos concellos (xa que algúns obradoiros realízanse entre varios concellos), 3 mancomunidades e a Deputación de Pontevedra”, finalizou Cores Tourís.

En toda Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará para o presente ano un investimento de máis de 10,2 millóns de euros para realizar obradoiros de emprego, aos que se suman outros 5 millóns para obradoiros destinados á mocidade.

31 de marzo de 2016 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.