publicidade hoxe

A Festa da Arribada regresa a Baiona esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaCalendarioLocal Portada
A-
A+
Nava Castro na sinatura do convenio en Baiona

Nava Castro na sinatura do convenio en Baiona

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do concello de Baiona, Ángel Manuel Rodal, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a celebración da 523 edición da Festa da Arribada da Carabela Pinta que terá lugar os próximos 4, 5 e 6 de marzo.

Durante o acto de sinatura, Nava Castro afirmou que esta festa, declarada de interese turístico internacional no pasado ano 2015, é a única celebración destas características que se celebra en Galicia converténdose nunha referencia imprescindible e nunha cita ineludible no calendario de festas da nosa comunidade.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que a categoría e relevancia acadada por esta festa fan que a súa celebración acade unha incidencia directa no que atinxe á divulgación da oferta turística galega vinculada aos extraordinarios recursos turísticos deste país e impulsando así a mellora económica do sector. “Esta festa foise consolidando co paso dos anos e hoxe é un referente turístico que durante os seus días de celebración xunta a máis de 200.000 persoas de todas partes do mundo”, sinalou Nava Castro.

Con todo, Turismo de Galicia aposta un ano máis por esta festa colaborando co concello de Baiona, mediante unha achega de 25.000 euros, na promoción deste evento que polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio a nivel internacional supón un importante reclamo de atracción turística.

Tal e como indicou Nava Castro, esta aposta de Turismo de Galicia pola promoción das festas de Interese Turístico está reflectida no Plan Integral, dentro da segunda liña estratéxica relacionada coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos. “Contamos cun plan de acción relativo á definición da estratexia de promoción das festas de interese turístico, dado que forman parte da nosa cultura e constitúen un recurso turístico con grande capacidade de atraer turistas e excursionistas ao longo de todo o ano”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

A Festa da Arribada da Carabela Pinta

A orixe histórica desta festa data do ano 1943, cando o un de marzo Martín Alonso Pizón arribou en Baiona e dende alí enviou a noticia do descubrimento de América aos Reis Católicos que se atopaban en Barcelona.

Durante os días de celebración da festa, o casco histórico da vila de Baiona, declarado “Conxunto de Interese Histórico Artístico”, transfórmase e volta ao medievo.

As actividades que se desenvolven na festa son numerosas e de diversa índole: publicacións, exposicións, seminarios, conferencias, congresos e concertos. Ademais inclúe actos como ofrendas florais, concesión de medallas e distintivos a persoas e institucións destacadas así como toda clase de actuacións relativas ao mercado medieval, rematando coa escenificación teatral da Arribada da Carabela Pinta á praia.

Así mesmo, a Festa da Arribada convértese na ocasión perfecta para dar a coñecer o turismo náutico e deportivo de Galicia xa que durante a súa celebración organízanse diversas probas, entre as que destaca a ‘Regata del Descubrimiento’ con más de 3.500 millas de percorrido e a participación de máis de 70 barcos de distintos países.

1 de marzo de 2016 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.