publicidade hoxe

Xunta e Concello de Mos ultiman detalles da futura Escola Infantil da Veigadaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro, reuníronse a semana pasada co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, para pechar detalles sobre a futura nova Escola Infantil da Veigadaña, que será a terceira para o Concello de Mos. Para continuar dita xuntanza e perfilar datos técnicos a este mesmo respecto o arquitecto do Consorcio, Francisco Valle, desprazouse esta mañá ata a Casa Consistorial onde mantivo un encontro coa rexedora local mosense, a edil de Política Social, os arquitectos redactores do proxecto da Escola Infantil da Veigadaña e o arquitecto municipal. Na reunión celebrada hoxe concretáronse detalles necesarios para a apertura da nova Escola Infantil o vindeiro ano 2017, tal e como se contemplaba dende un principio.

O novo centro infantil de 0-3 anos emprazarase na Veigadaña. Esta escola vaise converter no terceiro centro da rede autonómica ‘A Galiña Azul’ na localidade e vai elevar ata 164 as prazas públicas de educación infantil do Concello.

O novo edificio constará de 82 prazas e 6 unidades, e un orzamento de 800.000 euros. A previsión é que estea en funcionamento no 2017 

Ademais deste novo centro na Veigadaña, a Xunta de Galicia puxo en marcha a Escola Infantil de Cototorrón (41 prazas), que abriu as súas portas en xuño de 2011. Unha vez aberta a futura gardería da Veigadaña vanse multiplicar por catro as prazas públicas de educación infantil existentes en 2009. 

O Concello de Mos dispón xa de 82 prazas distribuídas en dúas escolas: a de Porteliña, que oferta 41 prazas, e a de Cototorrón, con outras 41 prazas. 

A nova Escola Infantil da Veigadaña terá unha superficie útil de 600 metros cadrados, situada no núcleo rural de Veigadaña. 

A terceira Escola Infantil da localidade mosense será pronto unha realidade. A alcaldesa de Mos explica neste sentido que “a necesidade dunha nova gardería era de vital importancia, dada a enorme demanda de prazas, demanda que ademais crece cada ano, e motivo polo cal a día de hoxe temos máis de 50 nenos e nenas en lista de espera para matricularse nas dúas Escolas Infantís existentes: Porteliña e Cototorrón”, declarou Nidia Arévalo.

Dada a gran demanda de prazas de gardería que aumenta anualmente de xeito substancial, a nova Escola Infantil que se construirá en Mos será do formato de seis módulos, que é o máis grande de entre os existentes. “Deste xeito evitarase ter futuros novos problemas de lista de espera e ter que ampliar os edificios ou construír outros novos de cara a cubrir a demanda existente”, argumenta a rexedora local mosense. 

O proxecto da nova Escola Infantil en Veigadaña configúrase cunha xeometría circular, optimizando a superficie e o aproveitamento da luz solar do edificio. Para formular a disposición dos distintos elementos, realizouse un estudo das orientacións da parcela, de modo que a zona de aulas disponse na parte sur e oeste, recibindo a máxima achega solar, mentres que a zona de servizos disponse na parte norte.

Dispóñense ademais diferentes espazos libres interiores para a realización de actividades de ocio. 

Formúlase a utilización de sistemas de xeración de enerxía pasivos, tratando de adaptar o deseño do edificio aos estándares de sostibilidade. O proxecto pretende xerar un espazo interior de calidade no que alumnos e profesores poidan desenvolverse e gozar do proceso de aprendizaxe, unha actividade fundamental en idades tan temperás.

O proxecto foi realizado polos arquitectos Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós; esta última é ademais unha novísima profesional veciña de Mos, que fará unha contribución de gran relevancia ó seu Concello con esta innovadora construcción de importantísima función social.

1 de febreiro de 2016 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.