publicidade hoxe

Turismo de Galicia colaborará con Baiona na creación dunha nova oficina de Turismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaiona
A-
A+
Nava Castro na visita ao Concello de Baiona

Nava Castro na visita ao Concello de Baiona

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do concello de Baiona, Ángel Manuel Rodal, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a creación dunha nova oficina de Turismo do concello.

Durante o acto de firma pública, Nava Castro explicou que esta nova oficina de Turismo, emprazada no parque de Palma e que contará cunha superficie dun total de 101 m2, dará resposta á intensa demanda turística rexistrada nos últimos anos no concello de Baiona.

“Grazas a este convenio os turistas que se acheguen a Baiona disporán dun centro de referencia con atención de calidade onde atopar toda a información turística que necesiten”, afirmou a responsable de Turismo da Xunta.

Así mesmo, Nava Castro sinalou que este novo centro de información turística substituirá ás instalacións actuais do parque da Palma e do paseo da Ribeira superadas pola crecente afluencia de visitantes.

Incremento da demanda turística

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia ás últimas cifras publicadas polo Instituto Nacional de Estatística correspondentes ao pasado ano 2015.

Segundo as mesmas, o destino Rías Baixas superou a súa cifra de viaxeiros aloxados nun 8,8%, rexistrando 1,16 millóns de viaxeiros, e nun 9,1% o nivel de pernoitas, con máis de 2,75 millóns de pernoitas neste caso.

Este comportamento positivo da demanda permitiu que os establecementos hostaleiros das Rías Baixas mellorasen as cifras de ocupación do ano 2014, en 3,7 puntos porcentuais. “Esta mellora na atención ao turista contribuirá a continuar nesta senda de crecemento que ven experimentando Baiona nos últimos tempos”, resaltou Nava Castro.

Mirador do Cortelliño

Ademais, a directora de Turismo de Galicia e o alcalde do concello de Baiona visitaron as obras de acondicionamento do Mirador do Cortelliño realizadas no marco da liña de subvencións de Turismo de Galicia para a sinalización e accesibilidade dos recursos turísticos no medio rural.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que o obxectivo desta intervención é dotar ao mirador das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico.

“Mediante estas subvencións impulsamos a mellora da accesibilidade física e a sinalización de recursos turísticos coma os espazos naturais, miradoiros e rotas de sendeirismo, praias marítimas e fluviais e Bens de Interese Cultural, que constitúen un gran atractivo para os que nos visitan.accesible para todos”, explicou Nava Castro.

18 de febreiro de 2016 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.