publicidade hoxe

A Deputación de Lugo colabora con Taboada na celebración da XXV Festa do Caldo de Ósos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoTaboada
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Cultura, Xosé Ferreiro, e o Alcalde de Taboada, Ramiro Moure Ansoar, presentaron este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a XXV Festa do Caldo de Ósos, que conta cunha achega provincial de 3.000 euros, ademais de colaborar dende a Área de Cultura, e que terá lugar o vindeiro domingo, 7 de febreiro.

Campos Conde destacou que “colaboramos con esta festa facendo unha achega de 3.000 euros, tal e como facemos con ducias de citas gastronómicas na provincia, para pór en valor os produtos autóctonos e dinamizar a economía da zona”.

O titular provincial salientou que “o éxito de participación, tanto no número de postos que se instalan no Concello durante a xornada, como nas persoas que alí se achegan, avalan a necesidade de continuar apoiando esta cita, que congrega, centos de persoas de toda a provincia que se achegan a Taboada a desfrutar deste produto estrela”.

O Deputado subliñou que “dende a Área de Cultura colaboramos coas diferentes asociacións culturais e en especial cos mozos e mozas que se encargan da organización do Festóso”. Ferreiro destacou que “entendemos coma algo fundamental a descentralización das actividades culturais por todo o territorio da provincia, sendo perfectamente compatibles a diversión gastronómica e cultural cos produtos do pais”.

Pola súa banda, o Alcalde de Taboada agradeceu a colaboración da Deputación e animou a todos os veciños “a achegarse a Taboada o vindeiro domingo, a desfrutar non so dun manxar como é o caldo, senón tamén das persoas”.

Programación da Festa

O sábado, 6 de febreiro, arrancan os actos do fin de semana cunha ruta osovitivinícola e, ás 22:30 horas, Festóso no centro cívico. O domingo, os actos comezan as 10:00 horas, cando se abrirán os máis de 50 postos de produtos gastronómicos que estarán instalados na Praza de Riazón. Ás 12:00, a sesión vermú estará amenizada por Os Rechouchíos. Nesta ocasión, o pregón será a cargo da xeración do 91 de Taboada.
De seguido, ás 13:30 horas, hai programado un concerto da Banda de Música Municipal e, ás 14:15horas, comezará o xantar co menú da festa, compostos por caldo, costelas asada, filloas e queixo con mel.

Pola tarde, ás 18:00 horas, actuará o grupo Os Deiquí, e as 19:00 horas, a Banda Municipal actuará de novo. Ás 20:30 horas comezará a degustación de viño da terra acompañado con produtos do porco e, a partires das 21:00 horas, comezará a verbena da man Los Satélites e DJ Carballas.

5 de febreiro de 2016 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.