publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Absolven á propietaria dunha tenda do Barco de Valdeorras acusada de malversación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Barco de Valdeorras
A-
A+
Europa Press

A Audiencia Provincial de Ourense absolveu unha muller, Teresa M.B., acusada de insolvencia punible e malversación por unha empresa que a consideraba responsable da desaparición dunhas mercadorías propias que, segundo a acusación, tiña depositadas na súa tenda de deportes no Barco de Valdeorras.

Os feitos tiveron lugar en setembro de 2007, cando o Xulgado de Primeira Instancia do Barco acordou o embargo de mercadorías que a empresa denunciante –Estudio 2000– tiña na tenda da muller denunciada e que estas quedasen almacenadas no negocio da acusada.

Un ano máis tarde, en outubro de 2009, a comisión xudicial do Xulgado do Barco comprobou que o local de Teresa M.B. atopábase baleiro e que as mercadorías que tiñan que estar alí depositadas desapareceran. Esta comprobación producíase tres meses despois de que a propietaria fose desafiuzada do establecemento por non pagamento do aluguer.

A ACUSADA NON FOI INFORMADA SOBRE AS SÚAS RESPONSABILIDADES.

A absolución do delito de malversación baséase en que “non quedou acreditado que a acusada aceptase formalmente o cargo de depositaria” das mercadorías que o Xulgado do Barco deixou no seu establecemento en 2007.

Ademais, tampouco se puido demostrar que a muller “fose debidamente instruída sobre as obrigas e responsabilidades que levaba consigo” que as mercadorías embargadas polo xulgado quedasen depositadas na súa tenda.

A sentenza insiste en que a aceptación do cargo por parte da acusada “debe estar precedida dunha instrución suficiente” e que, durante o xuízo, non se puido demostrar que se lle informara sobre as responsabilidades penais que contraía ao quedar na súa tenda o material embargado.

De feito, a propia acusada insistiu varias veces ante o xuíz nos seus “nulos coñecementos xurídicos”, dada a súa dedicación á venda de material deportivo.

INSOLVENCIA PUNIBLE

Respecto ao delito de insolvencia punible, o Tribunal desestimouno ao non poder quedar “acreditado” que a acusada fora a responsable da ocultación dos bens.

A muller insistiu, durante o xuízo, en que o material intervido estivo sempre nun almacén da tenda mentres non foi desafiuzada. A sentenza destaca que este feito non foi comprobado polo Xulgado do Barco ata despois de que a acusada perdese o local e os donos cambiasen as chaves do establecemento.

A Fiscalía solicitara catro anos de prisión en caso de que Teresa M.B. fose declarada culpable dun delito de malversación; ou dous anos e dous meses, así como unha multa de 15 euros ao día durante un ano en caso de ser acusada de insolvencia punible. Ademais, debería para unha indemnización de 13.721,91 euros a empresa denunciante.

A acusación particular reclamaba a mesma indemnización, así como catro anos por malversarción e o pagamento de 650 euros ao taxador que valorara os produtos depositados na tenda da acusada.

22 de decembro de 2015 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.