publicidade hoxe

A Xunta porá en funcionamento a nova escola infantil de Oza-Cesuras o vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOza/Cesuras
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse esta tarde no seu despacho de San Caetano co alcalde de Oza-Cesuras, José Pablo González Cacheiro, co obxectivo de repasar os principais programas e infraestruturas en materia social que se están a desenvolver no municipio coruñés. Esta xuntanza enmárcase na rolda de contacto que Rey Varela está a manter cos rexedores e rexedoras de Galicia para intensificar e estudar novas vías de colaboración que redunden na mellora da calidade de vida dos fogares galegos.

Así, o titular do departamento autonómico de Política Social e o primeiro edil abordaron a próxima apertura da nova escola infantil do concello que entrará en funcionamento o vindeiro ano. A Xunta de Galicia inviste 400.000 euros na construción deste equipamento que disporá de tres unidades e un total de 41 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Rey Varela insistiu en que o apoio ás familias, á infancia e á conciliación é un dos eixes estratéxicos que guiarán as actuacións da Consellería de Política Social ao longo de 2016, como se pon de manifesto no incremento de case un 40% con respecto a este ano no orzamento da Consellería para esta área, que supera para o conxunto de Galicia os 97 millóns de euros. Neste sentido, incidiu no feito de que as escolas infantís “son un dos piares fundamentais para.que os país e nais poidan realmente conciliar a súa vida familiar e laboral”.

Outro dos aspectos que Rey Varela tratou co alcalde de Oza-Cesuras durante a entrevista estivo relacionado coa atención ás persoas que teñen recoñecida a súa dependencia. Ao respecto, apuntou que o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que a Xunta presta en colaboración co ente local, aumentou o número de horas de atención un 35% -746 horas-, chegando a un total de 2.851 horas de prestacións realizadas a domicilio nesta localidade.

Por último, Rey Varela avogou por “continuar no bo camiño de xuntar esforzos e optimizar recursos”, posto que “este é o único xeito de garantir unhas verdadeiras políticas sociais que redunden na mellora do benestar dos galegos e galegas, especialmente daqueles máis desfavorecidos ou que necesitan dun apoio especial por parte das administracións”, dixo.

3 de decembro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.