publicidade hoxe

Os veciños de Tourón demandan unha maior atencion para o centro arqueolóxico e a ampliación da Casa do Pobo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Reunión veciñal

Reunión veciñal

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e membros do seu equipo de goberno reuníronse cos veciños de Tourón co fin de escoita-las súas principais necesidades co fin de que, moitas delas, podan ser incluídas nos orzamentos municipais do vindeiro exercicio e que se están a elaborar partindo das peticións veciñais feitas ao longo destas xuntanzas polos 33 núcleos de poboación existentes no municipio.

Os veciños de Tourón centraron as súas principais peticións na ampliación da Casa do Pobo, moi cativa, e que resulta inoperante no caso de ter que albergar algunha actividade cultural con certa entidade. Segundo o proxecto achegado ao alcalde, o investimento preciso para realizar esta obra sería duns 24.000 euros e contemplaría o derrube de parte do actual palco das festas anexo á edificación. 

Andrés Díaz manifestou o desexo do seu equipo de goberno de estudar en profundidade esta proposta que estaría moi condicionada polos permisos que puidera outorgar Patrimonio debido a que o proxecto presentado ten que ser autorizado por este organismo autonómico debido á ubicación do inmoble. 

Díaz sinalou que esa ampliación é unha necesidade clara da parroquia de Tourón e que contaba co apoio do grupo de goberno que estudaría dedicar, no caso de contar con autorización de Patrimonio, dunha partida orzamentaria para poder sufragar todo ou en parte esta obra. 

Outra petición trasladada polos presentes ao equipo de goberno foi a necesidade de realizar unha limpeza en profundidade da Área Arqueolóxica de Tourón que presenta zonas cunha vexetación moi crecida que afecta moi negativamente a este conxunto rupestre. O alcalde, Andrés Díaz, sinalou que era unha prioridade para o seu goberno e que, de feito, o novo plan de emprego da Deputación, para os meses de novembro e decembro, terá para a brigada de conservación e limpeza como un dos obxectivos prioritarios a actuación en profundidade nesta zona así como las distinta rutas de sendeirismo e, si da tempo, dixo o alcalde, tamén o parque empresarial da Reigosa.

Os veciños amosaron a súa preocupación pola intrasixencia da Igrexa cun muro da reitoral que achica un camiño que da acceso a unha serie de vivendas e fincas urbanizables que teñen na falla dun vial transitable por automóbiles un dos seus principais problemas para o seu desenrolo e para permitir a entrada de vehículos de emerxencias como ambulancias ou motobombas antiincendios.

Tamén lle solicitaron o asfaltado ou formigonado dun camiño que da acceso a unhas 40 vivendas e que se atopa nunha situación lamentable. O alcalde quedou en solicitar por escrito a colaboración do Bispado e tamén de incluír nas axudas dos fondos Feder europeos para o rural esta mellora no vial solicitado.

OS VECIÑOS DE PARADA QUEREN QUE SE ARRANXE UNHA CANLE E UNHA POZA DE AUGA

Ao rematar a xuntanza cos veciños de Tourón, o alcalde e os membros do equipo de goberno dirixíronse a Casa do Pobo de Parada onde mantiveron unha reunión cos veciños do lugar quen lle manifestaron a necesidade de acometer unha limpeza e recuperación en profundidade dunha antiga canle e unha poza que forma parte do patrimonio etnográfico do lugar. 

Os veciños tamén lle pediron medidas para obrigar a propietarios de fincas a que as limpen para evitar un perigo de incendio no caso que se prenda lume debido á súa proximidade a vivendas. Tamén solicitaron varios puntos de luz que contribúan a iluminar mellor varios tramos e viais interiores que comunican as vivendas de Parada.

Sobre este último tema, o alcalde lembrou que ten previsto o Concello realizar unha auditoría dos puntos de luz existentes co fin de optimiza-los, aforrar no consumo eléctrico que sitúa en preto de medio millón de euros anuais, e reubicar moitos deles para atender as novas demandas e suprimir aquelas luminarias que non cumpran dun xeito eficiente o seu cometido.

29 de outubro de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.