publicidade hoxe

Os veciños de Laxoso pídenlle ao alcalde mobilizacións activas para a mellora da estrada de Augasantas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Os veciños de Laxoso pedíronlle ao equipo de goberno de Ponte Caldelas que lidere unha serie de “mobilizacións activas” co fin de esixirlle á Xunta de Galicia a mellora da estrada de Augasantas (PO-234), unha vella reivindicación da seguridade vial dos residentes nesta zona e que pese a diferentes estudios e proxectos redactados segue sin ser unha realidade.

Esta foi unha das peticións que lle trasladaron os veciños de Laxoso ao alcalde, Andrés Díaz, e aos membros do seu grupo de goberno que convocaron na Casa do Pobo unha xuntanza veciñal para coñecer, de primeira man, as necesidades coas que contan os lugares de Laxoso de Arriba e de Abaixo.

Os veciños argumentaron a necesidade de transforma-las súas continuas e constantes peticións en “mobilizacións activas” debido á falla de interese e resposta a esta reivindicación por parte da Xunta de Galicia. “Non van arranxar esta estrada ata que non ocorra unha desgraza grave ou haxa mortos porque estamos cansos de sustos diarios que calquera día van acabar mal. Esta estrada é moi estreita e con moitas curvas sin visibilidade e non se pode circular por ela porque cando pasa un camión, e pasan moitos sobre todo madeireiros, e non hai onde meterse. Cun autobús sucede o mesmo. Ou están moi atento e coñeces ben o lugar ou pode pasar unha desgraza”, sinalaron varios veciños.

Andrés Díaz explicou que era unha prioridade do seu goberno conseguir que se poña en marcha canto antes a mellora da estrada PO-234 e para elo xa se reuniu co seu homólogo de Cotobade, Jorge Cubela, co fin de facer fronte común e lograr ese obxectivo. Tamén lles comunicou que o Concello acababa de recibir un escrito da Xunta que argumentaba que o nível de siniestrabilidade da estrada non era o suficientemente alto para xustificar o arranxo. Ademais, informou aos veciños que “existe, desde hai tempo, un proxecto redactado por valor de 2 millóns de euros que a Xunta garda nun caixón e que nós queremos que licite e saque a concurso canto antes para que comecen as obras”, dixo Díaz Sobral. 

O alcalde de Ponte Caldelas recolleu a preocupación dos veciños e pediulles que agardaran á celebración dunha xuntanza que tiña solicitado coa Xunta, aínda que todavía non tiña resposta oficial sobre cando sería, co fin de tratar en profundidade este tema e que, en función do resultado, se estudiarían esas “mobilizacións activas” que lle propuñan.

Finalmente, os veciños pedíronlle ao equipo de goberno unha serie de cuestións relacionadas coa limpeza de maleza nas fincas, dos sendeiros como o do Foxo do Lobo o cal precisaría dunha mellor sinalética, restauración de lavadoiros e fontes que, co paso do tempo, se atopan nun estado de conservación moi deteriorado e precisarían da colaboración do Concello para a súa rehabilitación para a súa conservación como parte do patrimonio etnográfico e popular.

13 de outubro de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.