publicidade hoxe

Máis de 600 persoas xa están inscritas nas diferentes actividades do programa municipal de inverno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Clases de aerobic

Clases de aerobic

Os primeiros cursos do programa municipal de actividades de inverno 2015-2016 xa están en marcha, sendo as primeiras propostas que comezaron a desenvolverse un éxito de participación.

Un dos principais exemplos é o curso de aeróbic que, ante a demanda de prazas, volve contar con tres quendas que se levan a cabo no baixo da biblioteca municipal da Laracha, unha delas en horario de mañá –que comezou hoxe- para facilitar a participación dos veciños e adaptándose a todos os horarios. Entre os tres grupos alcánzanse os cen participantes nesta disciplina, unha das máis valoradas e con maior cifra de participación de todas as que ofrece o programa.

Ademais do curso de aeróbic, nesta semana tamén comezan as tres quendas de ioga e ximnasia de mantemento en varias parroquias. Na próxima semana iniciaranse os de encaixe de palillos, patchwork, zumba, manualidades e pintura ao óleo e restauración e tapicería. Desde que principiou o curso escolar tamén están en marcha as escolas deportivas municipais de baloncesto, alcanzando este ano a cifra récord de case un centenar de nenos e nenas inscritos. 

Todas as persoas que estean empadroadas no Concello da Laracha poden inscribirse en calquera das vinte e dúas propostas para adultos e as trece para nenos que se ofrecen neste programa. Ademais das clásicas actividades do programa, neste ano son novidades o curso de parkour (arte do movemento) e os obradoiros de risoterapia, reciclaxe e cociña infantil. 

A cota de inscrición é reducida e presenta descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo a partir da segunda actividade. 

Tras dúas semanas co prazo de inscrición aberto xa se superaron os seiscentos inscritos nas diferentes actividades ofertadas.

20 de outubro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.