publicidade hoxe

Distribuíronse preto de 200 tarxetas no primeiro mes de funcionamento do transporte metropolitano en Padrón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPadrón
A-
A+

Ethel Vázquez salienta a distribución de preto de 200 tarxetas no primeiro mes de funcionamento do transporte metropolitano en Padrón, permitindo un aforro do 52% no prezo das viaxes. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda indicou hoxe que coas novas incorporacións, o Concello de Padrón entre elas, o Plan de Transporte Metropolitano xa beneficia a un millón e medio de cidadáns de 65 municipios galegos.

Vázquez supervisou hoxe unha demostración práctica de cómo funciona a tarxeta TMG en Padrón, un dos oito municipios que o pasado 14 de setembro se adheriron ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, sumándose aos beneficios sociais, ambientais e económicos que supón este sistema de transporte público colectivo.

Ethel Vázquez destacou os aforros económicos aos que se poden acoller os usuarios, poñendo como exemplo que unha persoa que empregue diariamente o autobús interurbano e máis o urbano para desprazarse de Padrón a Santiago aforrará arredor de 670 euros ao ano. Engadiu que esta cantidade pode incrementarse no caso de que se trate dun membro dunha familia numerosa.

A titular de Infraestruturas destacou que estes bos resultados son extensibles ao conxunto dos oito concellos que se teñen incorporado recentemente ao plan, xa que case 1.300 tarxetas xa foron entregadas nas entidades situadas nalgún destes municipios adheridos.

A responsable de Vivenda subliñou que cos últimos concellos adheridos, o transporte metropolitano subvenciona un millón de desprazamentos cada mes nas áreas da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Vigo.

Vázquez indicou que estes aforros explican que, a pesar do pouco tempo transcorrido, os datos demostren que a incorporación de Padrón ao Plan de Transporte Metropolitano da área de Santiago está a ter unha boa acollida por parte dos veciños.

Ethel Vázquez animou a todos os veciños de Padrón a apostar polo transporte público e facerse coa súa tarxeta TMG para comezar a beneficiarse o antes posible das súas vantaxes económicas.

13 de outubro de 2015 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.