publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta inviste 124.000 euros en mellorar diversas infraestruturas na comarca da Ulloa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAntas de Ulla
A-
A+
Raquel Arias en Antas de Ulla

Raquel Arias en Antas de Ulla

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, supervisou está mañá no concello de Antas de Ulla, xunto co alcalde, Javier Varela, as obras de mellora acometidas en varias vías e estradas que foron cofinanciadas pola Xunta.

Arias mostrouse moi satisfeita co resultado destas actuacións e manifestou que “a Xunta aposta pola colaboración cos concellos para facer posible que o entorno rural conte con servizos e infraestruturas axeitadas aos tempos nos que vivimos”. E proba desa vontade é que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza investiu este ano un total de 123.800 euros en mellorar infraestruturas nos concellos da comarca da Ulloa.

As obras executadas en Antas, que segundo indicou a delegada territorial “son un exemplo máis do compromiso do goberno galego con este municipio”, consistiron na reparación dos accesos a varios núcleos, “o que vai repercutir de forma positiva na mobilidade dos seus habitantes”. Trátase, en concreto, do acceso a Arcos; a Verín e Lebesende; e a Santa Cristina, Hermide e Bellós. O costo das obras ascendeu a 48.400 euros, dos que 32.000 euros foron aportados pola Xunta.

Vicepresidencia tamén cofinanciou con 22.000 euros, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de Uso Público, a pavimentación da rúa Álvaro Cunqueiro de Monterroso. No Concello de Palas de Rei sufragou boa parte do investimento preciso para o acondicionamento dunha vía de acceso á praza de Galicia e dunha praza pública na parroquia de Filgueira, traballos aos que destinou 24.800 euros dos 38.000 euros mobilizados para a execución das obras.

A este mesmo concello, aínda que no marco do Fondo de Compensación Ambiental 2015, a Xunta destinou 45.000 euros para subvencionar o grupo de vixilancia ambiental que comparte co municipio coruñés de Melide, e que supoñen o 75% do orzamento necesario para a posta en marcha do servizo.

13 de outubro de 2015 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.