publicidade hoxe

A nova praza pública do igrexario de Lemaio supón un investimento de 145.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Visita ás obras

Visita ás obras

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e os edís Jesús Souto e José Ramón Martínez Barbeito acudiron hoxe ao Igrexario de Lemaio, onde se reuniron co responsable da empresa que está a executar o proxecto de creación da nova praza pública dese lugar situado no principal punto de encontro dos veciños da parroquia, nas inmediacións da igrexa de Santa Mariña e do cemiterio de Lemaio.

As actuacións xa están en marcha. Durante as próximas semanas será acondicionado o novo espazo público nunha parcela de titularidade municipal que alcanza os 5.500 metros cadrados de superficie.

O proxecto contempla a pavimentación da praza con formigón e celosía de céspede, acadando o dobre obxectivo de facilitar o tránsito a pé e rodado, pero permitindo o crecemento de vexetación para reducir o impacto visual. Tamén se inclúe a creación de zonas verdes con árbores autóctonas, a ampliación do ancho da estrada para unha maior seguridade viaria, o soterramento da liña de baixa tensión e as canalizacións para os servizos de rego, recollida de augas pluviais e iluminación pública.

O Concello da Laracha  investirá 145.000 euros nesta actuación, que se cofinanciará en parte con cargo ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) promovido pola Deputación da Coruña.

Desde o Concello da Laracha estase facendo un importante esforzo investidor na mellora das infraestruturas públicas tanto nos núcleos urbanos como, neste caso, nas zonas de poboación rural. A aposta por dotar ás trece parroquias do municipio con prazas públicas, áreas verdes e puntos de encontro –ademais de manter en boas condicións a extensa rede viaria e aumentar a cobertura de servizos como as telecomunicacións, abastecemento de auga, saneamento, recollida selectiva de residuos- leva consigo a mellora da calidade de vida dos veciños e o crecemento urbanístico ordenado. 

Ademais de en Lemaio, actualmente tamén están en fase de execución a creación da praza pública no Igrexario de Soutullo, a das inmediacións do mosteiro de San Pedro de Soandres –neste caso, xa practicamente concluída- e tamén a pista multideportiva con parque biosaudable na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.

6 de outubro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.