publicidade hoxe

A Garda Civil detectou restos na camiseta de Asunta e formulouse que fosen de seme

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+
Europa Press

A camiseta de Asunta tiña restos na noite do achado do cadáver que, segundo a hipótese “de traballo” que manexou a Garda Civil nese primeiro momento, se poderían corresponder con restos biolóxicos, en concreto con seme, “ou non” segundo relatou un dos axentes que declarou este martes no xuízo que trata de esclarecer o crime.

O fiscal, Jorge Fernández de Aránguiz, pediu mostrar ao xurado popular e ás partes varias fotografías do corpo da nena sen vida, que non transcenderon ao exterior da sala dos xulgados na que se celebra a vista polo seu carácter reservado.

Ante a exhibición das imaxes, tanto Rosario Porto como Alfonso Basterra, pais adoptivos da menor e acusados do seu asasinato, levaron as mans á cara e evitaron mirar as pantallas, fundamentalmente no caso dela.

O axente que participou no levantamento do cadáver e que tomou moitas destas fotos respondeu que “as imaxes que se toman” neses primeiros momentos “teñen que ver cos indicios ou co que o grupo de investigación cree importante”.

“TROPEZARIAMOS CO ORDENADOR”

Así, aludiu tamén ás zapatillas de Asunta e a unha bandexa con albóndegas e, cuestionado sobre se estaba o portátil de Basterra na súa vivenda, dixo que “o piso é moi pequeno” e resaltou que, “francamente, se estivese o ordenador alí”, os axentes “tropezarían con el”.

“¿Se o que querían era o ordenador por que colleron friameiras e tenis?”, espetoulle a avogada de Alfonso Basterra, Belén Hospido, á que chamou a atención o presidente do tribunal en varios momentos pola forma en que formulou as súas preguntas.

AGRESIÓN OU ATROPELO

Este garda civil, que contestou durante uns 55 minutos ás cuestións das partes, subliñou que en casos nos que as vítimas son mulleres non se descarta nunca inicialmente a posibilidade de que fose agredida sexualmente.

Ademais, interrogado sobre unha mancha no pantalón da nena, respondeu que non pode afirmar se era ouriños, solo que detectou “unha mancha húmida na entreperna”.

En relación a se se investigou un posible atropelo, contestou que el non é coñecedor diso e resaltou que a Garda Civil se fixou nos “indicios” que podían “atopar alí”, na pista forestal na que se localizou o corpo de Asunta, “para explicar o acontecido”.

ALOE VERA OU DETERXENTE

A continuación, o avogado de Porto, José Luis Gutiérrez Aranguren, interrogouno sobre os restos que se detectaron na camiseta da nena, e o axente precisou que eran “posiblemente orgánicos” posto que foron visualizados grazas ao uso dunha “ferramenta” como é a luz forense.

Así, acabou dicindo que tamén pode dar esa aparencia, sinalados con esa luz, o aloe vera ou unha prenda que foi lavada cun determinado tipo de deterxente, toda vez que bota unha iluminación “como de solario”.

Na súa quenda, a defensa de Basterra, incidiu en se iso foi un “indicio de seme” e o axente o negou. “Non, non o é. O momento no que se valora o corpo dunha vítima o que se formula primeiro son hipótese de traballo. A hipótese que se formula aí é que poden ou non ser restos biolóxicos, pode ou non ser seme”, aclarou.

ESCENARIO “CONTAMINADO”

Tamén, ante a recolección de escarvadentes e cabichas na mencionada pista, e a presenza de “marcas de rodas superpostas unhas nas outras, como explicou o garda, Aranguren advertiu da “contaminación” do escenario.

Desta circunstancia alertou igualmente Belén Hospido, ao que o garda civil defendeu que el e os seus compañeiros ían vestidos con “calzas”, pero non así o xuíz instrutor e outras persoas.

DOUS COITELOS

Este axente tamén foi inquirido polas cordas e os dous coitelos localizados no rexistro da casa de Montouto, e respondeu que se analizaron para tratar de determinar se había un “encaixe mecánico”, é dicir, se os coitelos se usaron para cortar as cordas.

Pero, como o funcionario que declarou xusto antes del, afirmou descoñecer o resultado das probas ás que se someteron estes obxectos.

O TRAXECTO Á CASA DE MONTOUTO

E é que previamente declarou o garda civil que participou na reconstrución do percorrido de Porto a Teo. Durante uns 40 minutos, ensinou os resultados daquela operación, na cal se detivo o fiscal, para sinalar, en concreto, o momento en que Porto dá a volta á mazá co seu vehículo para pasar a recoller á súa filla, nas proximidades do lugar onde unha testemuña asegurou este luns que vira a Basterra coa menor.

Entre outras imaxes, na súa intervención foron ensinadas fotos da casa de Montouto e o fiscal fixo fincapé nos retretes dos distintos cuartos de baño -en dous dos cales se atoparon os dous coitelos-. “O que quero é que os xurados poidan facerse unha opinión sobre qué retrete podía querer utilizar -Rosario-“, explicou.

6 de outubro de 2015 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.