publicidade hoxe

A Balea retomará a súa actividade a finais de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A mesa de contratación celebrada no Concello de Cangas, tras a apertura, análise e valoración das tres empresas que presentaron a súa oferta económica e técnica para a xestión e servizos da Piscina Municipal “A Balea”, propuxo como adxudicataria á unión de empresas SOOM Management SL – Esproade SL. A sinatura do contrato con esta empresa levarase a cabo previsiblemente a finais desta semana.

O obxectivo do goberno local é axilizar todo o posible os correspondentes trámites administrativos nestes casos para que a empresa se poida adicar a centrar nos preparativos necesarios de cara a apertura do servizo, que se prevé para a última semana deste mes de outubro. Dende a Concellería de Deporte agradecen a compresión da veciñanza así como o compromiso de poder corresponder coa proposta de oferta e calidade dos servizos a prestar.

O novo servizo: horarios e actividades

Co fin de informar e promocionar a reapertura desta instalación deportiva municipal, publicaranse e distribuiranse uns atractivos folletos informativos onde se facilitará información detallada de horarios, actividades e servizos, así como dos prezos públicos aprobados na vixente ordenanza e a xestión e lugar de sistema de cobro. A balea contará cun horario de apertura de 65 horas semanais, distribuído de luns a venres de 8 a 14 horas e de 16 a 22 horas e os sábados de 9 a 14 horas. Durante este horario de apertura as persoas usuarias poderán disfrutar das instalación sen limitación de tempo. 

O servizo deportivo distribuirase en actividades tanto de auga como de seco. En auga as persoas usuarias contarán con nado libre na piscina grande e de hidromasaxe no spa. Os máis pequenos terán acceso á piscina de chapoteo. A oferta compleméntase cunha ampla batería de actividades e cursos de natación tanto para persoas adultas como de nenas e nenos, distribuídos por niveis, ademais de cursos específicos para bebés, mulleres embarazadas, persoas con mobilidade reducida, escolares así como actividades de fitness acuático. Como actividades de seco, haberá a disposición das persoas usuarias a sala de aparatos cardiovasculares e como novidade incorporaranse unha batería de actividades dirixidas con monitor que se impartirán gratuitamente ás persoas abonadas de luns a venres en distintos horarios (pilates, GAP, zumba, ximnasias suaves, spinning, entre outras).

13 de outubro de 2015 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.