publicidade hoxe

O pleno de Teo votará a liquidación do contrato de Viaqua

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A corporación teense reúnese este xoves 24 de setembro en sesión ordinaria. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada.

Un dos asuntos que se votará será a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI). Neste caso modifícase formalmente a ordenanza aínda que este cambio non se notará nos recibos da cidadanía. O diferencial que se aplicaba en Teo, o 0,44, xa foi modificado de facto polas medidas impostas dende o goberno popular en Madrid, polo que o que pagan os cidadáns será o mesmo que veñen pagando nestes últimos anos. A maiores o pleno do Concello de Teo no 2012, coa abstención do BNG, aprobou un plan de saneamento que recolle a obrigatoriedade desta modificación da ordenanza. Segundo explica o alcalde, Rafael Sisto, responsable ademais da área económica, “diante da cerimonia da confusión na que están estes días os partidos da oposición convén clarificar que o recibo do IBI non vai subir”. “O tempo dará e quitará razóns neste debate interesado e os veciños e veciñas cando lles chegue o recibo verán quen minte e manipula e quen di a verdade” destaca o rexedor. En relación con esto dende o equipo de goberno tamén se introducen bonificacións no recibo do IBI ás vivendas de protección, ás familias numerosas, ás cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra ou aos inmobles que teñan instalacións de aforro e eficiencia enerxética ou aqueles nos que se desenrolen actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal como o fomento de emprego. 

Outro dos puntos centrais será a liquidación do contrato de Viaqua. Trátase da culminación do proceso polo que a xestión da auga pasa a ser pública. Coa votación de mañá darase por pechado o ciclo da privatización da auga en Teo e esto concrétase en dous elementos principais. Por un lado establécese que o servizo xestionado dende o Concello comezará o 1 de outubro de 2015 cando a empresa Viaqua debe facer o traspaso de material e infraestruturas e por outro lado establécese a débeda que ten a empresa co Concello. Segundo os informes xurídicos e económicos Viaqua ten unha débeda co Concello de 2.070.220 euros que dende o consistorio se reclamarán.

Na sesión tamén se abordará a modificación das bases para a concesión de axudas do Transporte Metropolitano de Galicia Social nas que se engade un novo perfil de viaxeiro bonificado. A intención é que aos estudantes menores de 18 anos censados en Teo matriculados nun centro de ensino da Área de Transporte Metropolitano de Santiago teñan unha subvención no billete do 50% cun límite de 40 viaxes. 

23 de setembro de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.